Noticias

Carmela Silva séntese orgullosa da actuación do Poio Club de Fútbol Feminino na liga

A presidenta da Deputación e o presidente do club firmaron hoxe o convenio de colaboración en presenza do alcalde, Luciano Sobral


26 abr 2016
Poio Club de Fútbol Feminino
Poio Club de Fútbol Feminino

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sentiuse hoxe "profundamente orgullosa" do equipo feminino do Poio Club de Fútbol polo traballo desenvolvido ao longo deste ano e a súa presenza na elite do fútbol sala nacional.

Silva firmou hoxe co presidente do Poio Club de Fútbol, Juan José García Camiño, o convenio de colaboración polo que a Deputación lle achega 25.000 euros a este equipo para a promoción do deporte. A esta firma acudiu tamén o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a deputada delegada de Deportes, Chelo Besada, que tamén é concelleira do equipo de goberno do Concello.

Juan José García mostrouse satisfeito pola firma deste convenio, que cualificou como fundamental para o equipo, e sinalou que esperan rematar a temporada da liga de fútbol sala no medio da táboa de clasificación.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, mostrouse agradecido polo apoio da Deputación de Pontevedra ao equipo de fútbol feminino, pois é "un orgullo para unha localidade de 17.000 habitantes ter un equipo na primeira liña do fútbol sala nacional".

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reiterou que era unha "satisfacción" rubricar convenios coma este por ser para un "equipo feminino que está na elite do fútbol sala nacional e que, ademais, é o único equipo representante de toda a provincia".

A presidenta recoñeceu o labor do Concello, polo apoio que vén prestando a este club, de todo o equipo directivo, que fai posibles os seus éxitos, pero, sobre todo, das rapazas, que, co seu traballo, "teñen conseguido estar no medio da clasificación da liga nacional. Algo que parece sinxelo pero que é moi importante".

Silva subliñou tamén o esforzo que supón para as integrantes do equipo, "que en moitas ocasións teñen que aproveitar os seus desprazamentos pola xeografía nacional para levar os seus apuntes e estudar para sacar adiante os seus estudos".

Por último, a presidenta destacou que as administracións teñen a obriga de apoiar equipos coma o Poio Club de Fútbol polo que representa a integración da muller nesta disciplina deportiva e por ser o único da provincia de Pontevedra na primeira liga nacional de fútbol sala.