Noticias

Carmela Silva salienta en Baiona a recuperación de espazos para as persoas na inauguración das obras de mellora da EP-2203 e da EP-2202

A presidenta subliñou os traballos de mobilidade peonil e a estrea do miradoiro nun acto festivo no que participaron as persoas que están a facer o Camiño pola Costa


14 agosto 2019
Inauguración das obras de mellora da estrada provincial 2202

Nun acto festivo, no que participaron peregrinas e peregrinos que están a percorrer o Camiño pola Costa e veciñas e veciños de Baiona, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polos deputados de Infraestruturas e Mobilidade, Gregorio Agís e Uxío Benítez, respectivamente, así como polo alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e integrantes do Goberno municipal, puxo hoxe en valor a recuperación de espazos para as persoas que está a acadar a institución no acto de inauguración das obras de mobilidade peonil e seguridade viaria na EP-2203 de Baredo a Loureza e na EP-2202 de Baiona a Loureza.

Estes traballos, que ademais de mellorar os sendeiros incluíron a instalación dun miradoiro, tiñan por obxecto mellorar a mobilidade e a seguridade das persoas tendo en conta que a zona é moi transitada, xa que por ela pasa polo Camiño de Santiago. Neste sentido, Silva e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, destacaron que a obra leva a pegada da Deputación de apostar por infraestruturas que teñen en conta as persoas e o territorio. "O selo da Deputación de Pontevedra", afirmou a presidenta, "é unha aposta clara pola transición ecolóxica, por construír un modelo diferente de facer política, economía, sociedade e de construír infraestruturas. No século XXI nós temos que pensar no medio ambiente, nas persoas e na recuperación dos espazos públicos para a xente. Os vehículos son medios de transporte e de comunicación, pero non poden ser o centro da actuación das administracións. Iso rematou; foi un erro do século XX e nós queremos rachar con el no século XXI".

Así mesmo, a presidenta sinalou que as premisas polas que a Deputación aposta na mellora das infraestruturas inclúen a dotación de vías peonís "cun ancho co que a xente poida camiñar con seguridade", ademais de que deben ser "accesibles para que todas as persoas poidan percorrer os espazos" e facilitar a mobilidade. Outra das apostas é a iluminación entendida dunha forma diferente, "que ilumine o chan, con baixo consumo enerxético e que non contamine o aire e nos permita ver as estrelas".

No acto de inauguración participaron tamén grupos de peregrinas e peregrinos italianos que están a facer o Camiño. De feito, pediron poder intervir no evento e, deste xeito, unha das peregrinas "quixo facer un regalo" cantando unha peza de ópera. Precisamente, Carmela Silva incidiu en que "o Camiño de Santiago é un elemento de atracción turística fundamental e prioritario, e queremos facilitarlles ás e aos transeúntes que poidan gozar da nosa paisaxe e do noso territorio, e que o poidan facer con seguridade".

Pola súa banda, o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez –impulsor do proxecto de Baredo– subliñou que a actuación tiña como obxectivo principal aumentar a seguranza viaria da estrada provincial con condicións e dimensións dignas para a veciñanza e as peregrinas e peregrinos, facilitando a mobilidade a pé e adaptándose ás persoas usuarias e non só aos vehículos. "A filosofía do departamento de Mobilidade é que as estradas se adapten ás persoas e ao territorio, á contorna natural e cultural, e non ao revés. Por iso, ademais de crear un espazo seguro, non fomos alleos ás vistas e construímos unha zona de descanso na se que pode gozar dunha das mellores vistas da provincia", indicou o nacionalista, que lembrou que as obras xurdiron dunha petición do Concello de Baiona. Benítez aproveitou para agradecerlle ao persoal técnico da Deputación o seu esforzo no proxecto, xa que desde a súa concepción no ano 2017 houbo que salvar o informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Finalmente, foi posible manter os 2,5 metros de ancho da senda peonil que o departamento de Mobilidade provincial consideraba necesarios para garantir a accesibilidade universal do itinerario peonil.

Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destacou que este Concello "se vai unir a este modelo da Deputación" e ás iniciativas iniciadas pola Administración provincial como a mellora deste tramo do Camiño. "Debemos estar agradecidos á Deputación por este tipo de iniciativas, non só pensando nos peregrinos e no Camiño Portugués", afirmou, "senón tamén para poñer en valor o noso rural, as nosas parroquias. O Concello de Baiona vaise unir a esta idea do que debe ser o presente e o futuro do noso pobo, da nosa provincia, do noso país. Temos que pensar nun futuro que está moi condicionado polas accións que como sociedade temos institucionalizadas. Hai modelos de condutas que hai que cambiar".

Fotos