Noticias

Carmela Silva reivindica que "non hai nada máis urxente que a loita contra as violencias machistas" no acto de "Mulleres en acción. Violencia zero" en Meis

Nun Auditorio Multiusos ateigado de alumnas e alumnos da ESO do CPI Mosteiro, a presidenta da Deputación amosouse optimista porque "estou segura de que vós sodes a xeración que vai cambiar o mundo"


22 outubro 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelairas; á alcaldesa de Meis, Marta Giráldez; asistiu ao Auditorio Multiusos de Meis, completamente cheo por alumnas e alumnos de 1º a 4º da ESO do CPI Mosteiro, para celebrar o acto de "Mulleres en Acción. Violencia Zero". Silva amosou a súa repulsa e indignación polos datos da última semana na que foron asasinadas catro mulleres en España "polo simple feito de ser mulleres", "esta é unha cuestión moi seria, porque non hai nada máis urxente e prioritario que cambiar isto, temos que loitar xuntas e xuntos cun compromiso de verdade: con feitos e non con palabras".

"En Galicia, en España, no mundo, agora mesmo hai centos de miles de mulleres que están a sufrir violencias machistas, violencias brutais, e isto non se pode permitir". Neste eido, a presidenta provincial continuou enxalzando a importancia de iniciativas coma "Mulleres en acción. Violencia Zero" que naceu para "concienciar sobre a lacra da violencia machista a toda a rapazada, e para darlle visibilidade ás mulleres". Ao respecto, Silva avanzou que haberá unha quinta edición deste programa porque "a loita ten que ser todos os días do ano". Na súa intervención, Carmela Silva tamén fixo fincapé na importancia de que os centros educativos participen nestas actividades porque "somos moi conscientes de que o cambio ten que vir pola educación, por educar en igualdade para que todas e todos poidamos ser o que queiramos, sen estereotipos e con decisións libres".

A presidenta da Deputación tamén se dirixiu ao alumnado, "sodes xente da ESO, con capacidade de asumir estas cuestións tan duras, por iso vos quero ler algúns nomes das mulleres asasinadas e de como foron asasinadas, para que tomemos conciencia do brutal que é isto". Tras amosar os datos, Silva apelou á reflexión e sinalou que "temos que dicilo así de claro para acabar con esta situación". A presidenta lembrou que dende 2003, ano no que se empezaron a facer estudos, foron asasinadas 1.022 mulleres e indicou que "hai que actuar, eu son optimista, e seguro que imos cara unha sociedade mellor porque todas e todos sodes a xeración que vai cambiar o mundo". Pola súa banda, a alcaldesa de Meis agradeceu á Deputación por levar este acto á vila, "unha actividade pensada para vós, para o alumnado. Esta lacra se erradica dende a educación e pensamos son fundamentais este tipo de actuacións para que, dende a cultura, nos fagan pensar no que temos que cambiar e mellorar para que o día de mañá non teñamos que seguir contando mulleres asasinadas".

O acto continuou coa acción escénica "Regueifa 2.0" a cargo da pandereiteira Guadalupe Blanco e a cantora, produtora e compositora Alba María Rodríguez, esta última foi alumna de Isaura Abelairas e asegurou que foi ela quen a iniciou na arte da "regueifa". Durante o espectáculo, as dúas regueifeiras amosaron a súa axilidade á hora de improvisar en verso xunto cunha mensaxe sobre o rol da muller. De feito, as regueifeiras improvisaron con "Mala xente!",  unha orixinal versión do "Malamente" de Rosalía a base de palmas. Amais, Alba María e Guadalupe Blanco interactuaron cun público "totalmente entregado" facendo que fosen partícipes das improvisadas regueifas feministas.

Este ano 2019 "Mulleres en Acción. Violencia Zero" volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente celébrase en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).