Noticias

Carmela Silva recolle no Senado o recoñecemento ás deputacións provinciais no marco da homenaxe aos 40 anos de democracia local

Carmela Silva reivindicou que "hai 41 deputacións en España e soamente seis mulleres presidentas o que significa que nos organismos intermedios aínda queda un longo camiño que percorrer para acadar a paridade"


21 novembro 2019
40.º aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas tras a Constitución

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao presidente da Deputación de Segovia, Miguel Ángel de Vicente, representou hoxe ás deputacións provinciais de toda España no acto recoñecemento desta mañá no Senado ao municipalismo e aos entes locais. A homenaxe "Corenta aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas tras a aprobación da Constitución" estivo encabezada polo presidente do Senado, Manuel Cruz, o ministro en funcións de Política Territorial, Luis Planas, e o presidente da FEMP, Abel Caballero.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción polo recoñecemento no Senado da labor desenvolvida pola Deputación de Pontevedra que preside, extensivo ás deputacións de todo o Estado. "Sentímolo como un recoñecemento ao traballo desenvolvido polos órganos intermedios, que permiten que os concellos máis pequenos, sobre todo os de menos de 20.000 habitantes, poidan ter garantidos os seus dereitos e servizos e isto, precisamente, é o que nos move a nós desde a Deputación de Pontevedra", asegurou.

Silva tamén aproveitou a ocasión para recordar que "en España hai 41 deputacións e soamente seis mulleres presidentas, é dicir, supoñemos o 14 %, o que significa que nos organismos intermedios aínda queda un longo camiño que percorrer para acadar a paridade". Neste eido, a presidenta provincial amosou a súa ledicia por ver que no acto da FEMP desta mañá no Senado tamén se recoñeceu o labor desenvolvido polas mulleres, "de tantas mulleres que desde o local levaron adiante as súas ideas e os seus proxectos e transformaron o espazo público cunha mirada en feminino".

O acto de "Homenaxe ao Municipalismo. Corenta aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas tras a aprobación da Constitución" no antigo Salón de Sesións da Cámara Alta serviu de homenaxe a aquelas persoas que permitiron consolidar a democracia local. Deste xeito, fíxose un recoñecemento aos 22 alcaldes que desde 1979 seguen desempeñando dito cargo nas súas respectivas localidades. Tamén se recoñeceu, ás primeiras alcaldesas que resultaron elixidas naquela data (con presenza de catro delas no acto), á primeira muller que gobernou unha capital de provincia (Valencia), aos alcaldes e alcaldesas nados en 1979, ao actual alcalde máis novo do Estado e ás deputacións provinciais como elementos de cohesión e equilibrio territorial. 

Audios

  • Audio