Noticias

Carmela Silva recibe na Deputación de Pontevedra á directora do CRA Mestra Clara Torres de Tui, galardoado co premio Escola do Ano da Fundación Princesa de Girona

O xurado da Fundación valorou entre as accións do colexio rural a posta en marcha dos Calendarios Competenciais, iniciativa que desenvolve desde fai catro anos coa Deputación


28 outubro 2020
Recepción Teresa Rodríguez

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu hoxe no Pazo provincial a Teresa Domínguez, directora do CRA Mestra Clara Torres de Tui, e transmitiulle a felicitación da institución polo premio Escola do Ano da Fundación Princesa de Girona, que acaba de recibir o centro polo seu carácter innovador e a súa dinamización do contorno rural. Precisamente, unha das accións que valorou o xurado destes premios foi a iniciativa dos Calendarios Competenciais para Infantil e Primaria, impulsados por esta docente, que a Deputación elabora desde o 2016 e reparte nos centros escolares da provincia.

Carmela Silva definiu a Teresa Domínguez como "unha filósofa da educación, que para min é o lugar máis alto que pode ter un ser humano", ademais dunha "gran innovadora pedagóxica e unha auténtica servidora pública, que entende o servizo público como compromiso co espazo, co tempo que lle tocou vivir e coa profesión que elixiu, a de mestra". A presidenta destacou que o premio recibido polo centro e a proposta educativa "avanzadísima" que Domínguez defende "son os modelos que temos que amosar á sociedade para que estean na conciencia cidadá". "Teresa vai pasar á historia como pedagoga, dixo, e estou segura de que cando se xubile, a súa semente vai quedar recollida por outra xeración de mestras e mestres. Na Deputación queremos seguir contando co seu compromiso e capacidade e coa gran marea de ideas que ten".

Teresa Domínguez quixo facer partícipes deste premio á presidenta e á institución provincial xa que, como explicou, moitas das actuacións que a Fundación valorou foron aquelas de portas abertas ao territorio, accións e estratexias proactivas que promoveran o desenvolvemento do rural e o desenvolvemento das familias e que compensasen desigualdades. "E o calendario foi unha desas ferramentas –destacou–. Tanto desde a Casa Real como desde a propia Fundación e algún membro do xurado que me chamou, dixeron que a iniciativa dos calendarios os deixou impresionados. Pola miña parte non teño máis que seguir dando as grazas". Domínguez destacou tamén que elixiu na súa traxectoria traballar no rural "e rematarei unha vida dedicada á educación na súa etapa administrativa, pero seguirei vinculada á educación ata que morra".

Carmela Silva quixo destacar tamén a grande aceptación que están a ter entre a comunidade educativa os Calendarios Competenciais, "un proxecto marabilloso que é unha verdadeira obra pedagóxica dun modelo educativo que compromete as familias e as nenas e os nenos e se integra no territorio, que entende que temos que educar aos nenos non só en contidos senón en competencias". Explicou que cada ano, estes calendarios comprométense cun concepto e se neste 2o20 foi o recoñecemento ás mestras e a súa pegada na educación, no vindeiro 2021 "van recoñecer ás persoas que nos coidaron, particularmente ás da sanidade".

Os Calendarios Competenciais constitúen unha innovadora experiencia e os seus contidos ofrecen distintas propostas que teñen como obxectivo conseguir que a educación, aprendizaxe e competencias a adquirir polas nenas e nenos se fagan desde múltiples perspectivas, entre elas a implicación das familias. En total este ano a Deputación recibiu 6.000 solicitudes de calendarios competenciais de infantil e primaria.