Noticias

Carmela Silva recibe ás campioas de baloncesto do Celta de baloncesto feminino

O club, nun fito histórico en Galicia, é o campión da liga autonómica nas cinco categorías de junior, cadete, infantil, alevín e benxamín


22 jun 2016
Celta de baloncesto

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Deportes Chelo Besada, recibiu esta mañá no Pazo provincial á directiva e ás capitás das categorías de junior, cadete, infantil, alevín e benxamín do Celta de baloncesto feminino, que nesta temporada que vén de rematar acadaron o fito histórico de levar os títulos de campioas nas cinco mencionadas categorías na liga autonómica de baloncesto.

Carmela Silva insistiu en que isto é "un feito insólito e extraordinario" e felicitou ás rapazas "con emoción e co corazón", asegurando que "ao voso lado síntome pequeniña", afirmou, "porque sei o enorme traballo, esforzo, compromiso e sacrificio que leva consigo ser campioas autonómicas". Por esta razón considéraas "un exemplo e un orgullo para esta provincia" e "cinco heroínas, declárome absolutamente namorada do Celta feminino". A Presidenta, do mesmo xeito, quixo pór en valor que "cando ás rapazas, ás mozas, ás mulleres, se nos dá a oportunidade de que haxa estruturas e instrumentos que apoien o deporte feminino é evidente o que conseguimos: que sexamos campioas".

A Presidenta provincial insistiu en agradecer ao club por "apostar polas bases" e polo deporte como "fundamental para a saúde, para as relacións sociais e crear sociedades", pero sobre todo polo seu apoio ao deporte feminino, "por apostar polas mulleres, por que poidan ter todas as garantías e todos os dereitos nun servizo básico como é o deporte". O presidente do club, Carlos Álvarez, asegurou que "sempre loitamos polas nosas bases", mesmo sacrificando fichaxes nas categorías superiores, e asegurou que "este ano imos facer un grande esforzo para lles dar un premio ás rapazas e intentar subir de novo á primeira división feminina".

Álvarez, ademais, lembrou que hoxe mesmo comeza o campionato do mundo de baloncesto feminino, cuxa selección española en categoría sub-17 "conta con dúas xogadoras nosas, Raquel e Paloma". A Presidenta lembrou que "as nosas xogadoras non son só campioas autonómicas senón que son a canteira nunha provincia que está nun extremo e na que os éxitos poden parecer un soño".

Carmela Silva lembrou que, no Plan Estratéxico de Deporte que está a ser elaborado pola Deputación e que foi anunciado hai unhas semanas, "o deporte feminino vai ter un papel moi relevante porque se as mulleres o adoitamos ter máis difícil sempre, no deporte máis aínda". En canto ao club, sinalou que "son un exemplo deses cidadáns e cidadás que vale a mágoa que existan" e, sobre as campioas, afirmou estar "segura de que chegarán a grandes metas no baloncesto a nivel nacional".


Novas relacionadas

Fútbol

16 xuño 2017, diputación, deputación, fútbol, copa fútbol deputación, copa deputación, copa diputación, copa deputación feminina de fútbol, final de copa, copa
Sárdoma C.F.

21 junio 2017, fútbol, copa fútbol deputación, deporte feminino, feminino, copa deputación feminina de fútbol, copa diputación de pontevedra de fútbol, femenino, deporte femenino