Noticias

Carmela Silva recibe á delegación do Departamento colombiano de Caldas e enxalza os aspectos que o unen coa provincia

A presidenta provincial destacou a importancia de poñer en marcha relacións económicas, culturais e humanas con Caldas que se materialicen en accións concretas. A primeira delas a exposición "Francisco José de Caldas 1768-1816. O sabio de Caldas" en outubro no Museo


13 setembro 2018
Visita de delegación do Departamento de Caldas en Colombia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá a visita da delegación dunha vintena de persoas representantes do Departamento de Caldas (Colombia), encabezada polo presidente da Asemblea Parlamentaria de Caldas, Silvio Eduardo Arboleda, que esta semana están a percorrer a provincia. Esta visita, enmarcada nos actos do 250 aniversario do nacemento do científico Francisco José de Caldas, descendente de Caldas de Reis e que lle deu nome á rexión colombiana de Caldas, pretende estreitar lazos de irmandade e promover acordos en materia cultural, educativa, turística e económica entre a provincia pontevedresa e o eixo cafeteiro de Colombia.

Carmela Silva destacou as características comúns entre o Departamento colombiano e a provincia de Pontevedra. "Ademais do nome, ambos agrupamos municipios, nós 61 e o Departamento de Caldas 27, compartimos tamén número de habitantes, xa que estamos a falar de 900.000 persoas que viven en cada unha das localizacións", resaltou Silva. Neste eido, a presidenta fixo fincapé na necesidade de "ser capaces de poñer en valor todo o que nos une e establecer relacións económicas, culturais e humanas que se materialicen, a partir de agora, en accións concretas".

Entre estas accións, a presidenta da Deputación informou que proximamente o Museo de Pontevedra acollerá a exposición "Francisco José de Caldas 1768-1816. O sabio de Caldas", "que vai situar ao Departamento de Caldas e ao Concello de Caldas no mundo e servirá para dicir que a Deputación de Pontevedra e o Departamento colombiano teñen un idilio que naceu cun sabio e vai continuar no tempo". A mostra, que será a primeira que se realice en España con motivo do 250 aniversario do científico, servirá para dar a coñecer a importancia desta personaxe que é un referente para a ciencia, liberdade e o desenvolvemento de Colombia.

Entre todas as cuestións que unen á provincia de Pontevedra e ao Departamento de Caldas, a presidenta provincial tamén fixo mención á emigración. "Somos unha provincia de emigrantes e América sempre nos acolleu cos brazos abertos e nos fixo sentir como cidadás e cidadáns de América", destacou Carmela Silva. Neste contexto, a presidenta agradeceu a todos os países americanos o seu acollemento e destacou a necesidade de que España recupere o seu lugar como ponte de enlace con América.

A presidenta provincial aproveitou a ocasión para presentar as principais características da provincia e proxectos postos en marcha pola Deputación de Pontevedra. Máis polo miúdo, Silva subliñou a potencialidade económica da provincia, con grandes sectores industriais como o naval, a automoción e a tecnoloxía ligados a unha universidade nova, a de Vigo, situada entre as 500 mellores do mundo. Ademais, a presidenta tamén enxalzou "que somos unha provincia da que sentirnos moi orgullosas e orgullosos, cun gran patrimonio cultural e berce de grandes científicos, políticos, investigadores do mundo da cultura, etc.".

Con respecto á xestión da Deputación de Pontevedra, Silva destacou que "levamos tres anos de Goberno cambiando a xestión da institución para convertela nun modelo de transparencia, na que estamos a implantar os principios de bo Goberno e a liderar moitos proxectos". Máis polo miúdo, a presidenta provincial destacou as actuacións desenvolvidas no ámbito do turismo, da igualdade, da mobilidade, da compostaxe, das novas tecnoloxías e do emprendemento.

Ademais da visita á Deputación de Pontevedra, a delegación colombiana mantivo tamén reunións con outras institucións da provincia, ademais doutros axentes sociais e económicos da comunidade. Ao respecto, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, destacou que "todas elas foron moi proveitosas e das que sairán intercambios moi interesantes". 

Pola súa banda, o presidente da Asemblea Parlamentaria de Caldas, Silvio Eduardo Arboleda, agradeceu o acollemento da presidenta da Deputación e a boa disposición das institucións da provincia para distribuír os produtos colombianos, entre os que destacou o café, os cítricos, o aguacate e o ron, por toda Europa.