Noticias

Carmela Silva recibe á activista Morena Herrera nun encontro marcado pola procura da igualdade e os dereitos sociais

Carmela Silva: "Mulleres como Morena Herrera son imprescindibles, son unha voz nun deserto que queremos encher de cor verde, de cor lila, da cor das mulleres comprometidas con outra sociedade"


27 outubro 2021
Carmela Silva recibe á activista Morena Herrera

A Sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo foi testemuña hoxe do encontro que a presidenta provincial, Carmela Silva, mantivo con Morena Herrera, histórica activista salvadoreña polos dereitos das mulleres. O lugar foi elixido para esta recepción por atoparse cheo de simbolismo ao levar o nome dunha muller Rosalía de Castro, "buque insignia de Galicia", e lucir nas súas paredes a exposición "Lebres como gacelas", unha homenaxe a unha muller "rompedora moderna, feminista e moi comprometida co seu tempo e coa creación doutro mundo" como foi Xela Arias. Xunto a elas estiveron a deputada Ana Laura Iglesias e Sonia Díaz, en representación da Asociación Agareso.

Na recepción Carmela Silva entregou á activista unha serie de obsequios vencellados á igualdade e á provincia como o libro "María Vinyals, a muller do porvir",  un catálogo do programa "Violencia Zero", tres máscaras  de Igualdade e unha carpeta con ilustracións de castros da provincia realizadas pola artista Ana Moreira Ademais, comprometeuse a enviarlle unha camelia, un dos símbolos do feminismo galego.

A presidenta provincial non poido ocultar o "orgullo, pracer e honra" por ter ao seu lado a unha muller que é "unha voz pola igualdade, unha voz pola liberdade e unha voz pola xustiza social". Carmela Silva fixo fincapé en que "hai mulleres no mundo que son grandes valentes, que son as nosas grandes referentes. Mulleres que deberían ser un exemplo e estar nos libros e no coñecemento da sociedade", e agradeceu a Morena Herrera o seu traballo ao longo dos anos durante nos que sumou "a tantas outras mulleres a defender os dereitos da metade do mundo".  Mulleres como a activista salvadoreña, afirmou, son tan valentes que se xogan a súa propia vida e "se poñen de pé, no centro e alzan a voz contra todas as inxustizas, particularmente as que sufrimos as mulleres en todo o planeta". Ademais, a presidenta provincial afirmou ser unha "apaixonada" delas xa que "falan das mulleres e da terra, dos dereitos que teñen os pobos a construírse libremente, a procurar nos seus países dereitos, garantías e liberades e para que poidan tomar decisións sen que estean supeditadas ás grandes potencias". Tamén fixo fincapé na defensa medioambiental que estas mulleres levan a cabo para que "poidamos construír outro mundo e que non sigamos aniquilándoo con consumos que son unha tolemia, coa destrución dos océanos, ríos ou das materias primas". Por iso, mulleres como Morena Herrera "son unha voz nun deserto que queremos encher de cor verde, de cor lila, da cor das mulleres comprometidas con outra sociedade". Do mesmo xeito, aseguroulle a Morena Herrera que "queremos establecer relación con outras asociación de mulleres no mundo para poder facer cousas conxuntamente".

Pola súa banda, Morena Herrera agradeceu estar "nun lugar onde se respira a presencia transformadora das mulleres" e asegurou, no nome das defensoras de dereitos de Centro América, que o respaldo que lle ofreceu a Deputación "é moi importante porque vivimos nun mundo no que estamos vendo retrocesos nas poucas políticas democráticas que temos e non imos a deixar que as nosas aspiracións e soños sexan borrados".

En representación de Agareso, Sonia Díaz aproveitou a ocasión para agradecer á institución provincial o esforzo que está a facer en materia de cooperación e igualdade xa que sen o seu respaldo "non chegaría a onde pode chegar". 

A presidenta provincial concluiu dicindo que é consciente de que "as mulleres que vivimos en sociedades "democráticas" -que non o serán plenamente ata que non academos a metade de todo, apuntou- temos máis capacidade para loitar polos nosos dereitos" e puxo como exemplo algunhas leis que españolas como as de igualdade, loita contra a violencia de xénero ou a do aborto, pola que "tivemos que loitar moito porque o mundo patriarcal tamén quere mandar nos nosos corpos". Tamén comentou a "loita moi potente" dende a que se está a esixir que se aprobe unha lei contra a prostitución. "Son unha muller abolicionista porque é inconsentible a escravitude das mulleres", afirmou Carmela Silva, quen tamén se postulou en contra dos ventres de alugueiro ao consideralos "un xeito de que os nosos corpos se convertan nunha mercancía, sobre todo os das mulleres pobres".

Fotos

Vídeos