Noticias

Carmela Silva presidirá o próximo venres a presentación da carteira de servizos "SmartPeme" ás asociacións da provincia de Pontevedra

"SmartPeme" ofrece asesoramento en novas tecnoloxías ás persoas emprendedoras e autónomas e ás pequenas e medianas empresas da provincia


29 out 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidirá o venres, 4 de novembro, a presentación da carteira de servizos do programa da institución provincial "SmartPeme" ante diversas asociacións da provincia. A quenda terá lugar a partir das 9:30 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra (na Gran Vía de Montero Ríos) e tamén asistirá o Deputado provincial de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, así como o persoal encargado do proxecto.

O obxectivo desta presentación, dirixida ás asociacións empresariais, colexios profesionais e cámaras de comercio, é o impulso da colaboración con estas entidades, así como dar resposta ás inquedanzas amosadas por elas mesmas nas reunións mantidas ata o de agora e, á vez, lanzar a carteira de servizos de "SmartPeme" reforzando a imaxe deste proxecto como un servizo de grande utilidade para o sector empresarial da provincia de Pontevedra. As asociacións, colexios e cámaras interesadas pódense inscribir a través de calquera das seguintes vías: mediante o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a través do teléfono 886 20 20 20.

Lembramos que o proxecto "SmartPeme"é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Todo iso empregando as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías(redes sociais, comercio electrónico…).

Para isto, nas oficinas de "SmartPeme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se porán en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

"SmartPeme" consegue, ademais, que a colaboración cos concellos sexa máis estreita xa que o proxecto se oferta como un servizo propio dos municipios, para que sexan eles os que presten o asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras. A institución provincial se converte deste xeito nun vehículo para que os concellos poidan converterse nos protagonistas, ofertando un servizo que responda ás necesidades das veciñas e veciños da provincia que se dediquen ao mundo empresarial ou queiran emprender.