Noticias

Carmela Silva preside a presentación en Cambados do programa "Smartpeme" para persoas emprendedoras e as pemes

"SmartPeme" ofrece asesoramento e formación en novas tecnoloxías para mellorar a competitividade das empresas


10 nov 2016
SmartPeme
SmartPeme

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu hoxe na casa do concello de Cambados o acto de presentación do proxecto "SmartPeme", substituto do antigo CPAE 2.0, entre o tecido empresarial de Cambados co obxectivo de dar énfase a implantación de novas formulacións en materia de estratexia dixital. Silva estivo acompañada polo Deputado provincial de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal.

A presidenta provincial sinalou que "con SmartPeme o que estamos a facer é pornos do lado desas persoas que precisan de novas ferramentas para poder ver crecer os seus proxectos e ideas" xa que "necesitan que dende o ámbito público e privado sumemos sinerxías". De feito, Silva sinalou que "SmartPeme supón facer un recoñecemento a quen se atreven a pór en marcha as súas ideas, con toda a complexidade que iso ten, e a Administración debe aproveitar a riqueza que hai na sociedade para se converter nun vínculo desas ideas, apostar por elas e que as persoas as poidan pór en marcha".

Carmela Silva lembrou que as TIC son "elementos para mellorar a competitividade das empresas, e este proxecto as achega dun xeito especializado segundo os sectores máis demandados en cada comarca, pero tamén por primeira vez cun asesoramento moi individualizado que ata o de agora non era unha idea central do proxecto que existía anteriormente".

Ademais, a Presidenta provincial sinalou que "na Deputación de Pontevedra somos moi conscientes de que debemos dar respostas inmediatas ás novas situacións que se crean e aos cambios tan vertixinosos, e o debemos facer coa sociedade", que é "moi complexa e globalizada pero cada día máis dependente do local para poder crecer".

O proxecto "SmartPeme" é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Todo iso empregando as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…).

Para isto, nas oficinas de "SmartPeme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se porán en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

"SmartPeme" consegue, ademais, que a colaboración cos concellos sexa máis estreita xa que o proxecto se oferta como un servizo propio dos municipios, para que sexan eles os que presten o asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras. Isto é así porque dende a Deputación de Pontevedra considérase que as corporacións municipais son as que mellor coñecen a realidade empresarial dos seus territorios e, polo tanto, quen poden ofertar un servizo máis adaptado segundo os sectores máis presentes nos tecidos empresariais desas vilas (unha especialización que tamén se leva a cabo nas oficinas). A institución provincial se converte deste xeito nun vehículo para que os concellos poidan converterse nos protagonistas, ofertando un servizo que responda ás necesidades das veciñas e veciños da provincia que se dediquen ao mundo empresarial ou queiran emprender.