Noticias

Carmela Silva presenta os "espectaculares resultados" da oficina de "SmartPeme" en Vigo

A presidenta provincial destacou que o programa para pemes, persoas emprendedoras e autónomas mellorou en máis dun 100 % os asesoramentos con respecto a 2016


20 novembro 2017
Smartpeme

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, comezou esta mañá en Vigo o seu percorrido polas distintas oficinas de "SmartPeme" na provincia. Este programa "oferta ás persoas emprendedoras, autónomas, asociacións empresariais e axentes de dinamización dos concellos, unha serie de servizos personalizados encamiñados ao crecemento económico do tecido empresarial a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación", sinalou a presidenta provincial, e "está a obter na cidade uns resultados espectaculares".

Deste xeito, sinalou Carmela Silva, "no que levamos de 2017 realizáronse 194 asesoramentos TIC fronte aos 86 do ano pasado, un incremento moi notable" situado no 125 %. Ademais, "chegamos a 62 empresas, isto é, un incremento do 7 % respecto ás 58 empresas do ano pasado; creáronse 48 novas contas e realizáronse 56 obradoiros aos que asistiron 474 persoas, estamos chegando a un número moi importante de persoas", informou a presidenta da Deputación de Pontevedra.

Carmela Silva sinalou que "en Vigo teñen moita presenza os asesoramentos téxtiles e relacionados coa moda, pero dáselle cabida a todo tipo de accións do sector produtivo" malia que cada sede está especializada (como na oficina de Cambados co sector vitivinícola, ou na do Porriño o sector da pedra). "En Vigo, que é a cidade máis desenvolvida industrialmente, a moda ten moita presenza porque é un sector con moita capacidade de desenvolvemento. O sur sempre foi moi potente no sector téxtil desde medianos do século XX, temos que seguir apostando por el", afirmou a presidenta.

Carmela Silva asegurou que "eramos moi conscientes de que moita xente usou a crise como unha posibilidade e, ante a imposibilidade de ter un emprego e salario dignos e co peche de moitas empresas, lanzouse a desenvolver novas ideas". Do mesmo xeito, a presidenta puxo en valor que "moitas desas novas ideas están lideradas por mulleres, o que fala de que cando temos unha estrutura que nos permita ter oportunidades e damos pasos cara a adiante, con todas as dificultades que temos, acadamos o éxito".

De feito, na visita a presidenta provincial estivo acompañada por Ana, unha deseñadora de interiores do Porriño que representa un dos rostros dos casos de maior éxito de "SmartPeme". Esta usuaria "tivo asesoramento para crear a súa páxina web e tamén a nivel fotográfico, xa que a imaxe é a canle pola que entramos polos ollos á posible clientela e é moi importante coidala". Este non foi o único caso de éxito ao que se referiu a presidenta, que tamén fixo fincapé en dous proxectos do sector téxtil, "Dovieta y Violeta" e "Ludovica y yo", aos que "o programa ‘SmartPeme' dotou de instrumentos tecnolóxicos que lles permitiron ter unha presenza axeitada a través das TIC" e que tamén están lideradas por mulleres.

Carmela Silva sinalou que, fronte a proxectos anteriores que puideron ter algunhas destas empresas e que foron realizados por empresas externas, "unha das cuestións máis relevantes de ‘SmartPeme' é que é un servizo público, que polo tanto non busca beneficio propio". "Os nosos instrumentos están dedicados unicamente a que se beneficien as empresas", lembrou a presidenta, "para que teñan máis competitividade, capacidade de xerar negocio e ter máis beneficios, coa posibilidade de crear emprego".

Un proxecto "con vida propia"

A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que "imos implementar moitas novas accións en ‘SmartPeme', do mesmo xeito que xa o fixemos este último ano". Carmela Silva sinalou as distintas incorporacións que se deron neste programa, isto é: "O asesoramento telemático, xa que os horarios que manexan os usuarios e usuarias impiden en moitos casos participar persoalmente nos asesoramentos, obradoiros e actividades de networking que poñemos á súa disposición". Deste xeito, "fomos conscientes de que tiñamos que facer un asesoramento telemático para prestar os servizos a través das novas tecnoloxías sen necesidade de presenza persoal e sen obrigar a viaxes de desprazamento".

Ademais, "creamos ‘SmartPeme Informa', un servizo de atención aos temas de actualidade relacionados coas TIC" a través do cal "cada vez que xorde unha cuestión, novidade ou problema tecnolóxico, elaboramos informes técnicos para que as asesoradas e asesorados teñan información punteira pero tamén para chegar ao conxunto da sociedade". Pola outra banda, "o ‘SmartPeme Conecta' é un servizo que pon en relación as necesidades que teñen as empresas cos servizos de provedores tecnolóxicos" e tamén "o kit do emprendedor e emprendedora, un paquete de solucións TIC para as persoas emprendedoras que se oferta a través da páxina web do programa" e que se trata "dunha guía adaptada a cada unha das fases do proxecto de emprendemento".

Ademais das xa postas en marcha, ao abeiro de "SmartPeme" "imos poñer en marchas outras novidades porque é un proxecto que ten vida propia, imos descubrindo máis necesidades e as imos incorporando", asegurou Carmela Silva. Así, "colaboraremos cos concellos para implantar espazos publicitarios sobre ‘SmartPeme', xa que os concellos son quen teñen unha relación máis directa cos tecidos empresariais".  Ademais, a presidenta tamén avanzou a "presentación dunha carteira de servizos para o sector turístico, con enorme capacidade de creación de empresas, non só de atracción de visitantes". A este respecto, Carmela Silva sinalou que "vanse demandando moitos novos servizos, non soamente é importante para este sector específico senón para o conxunto do sector produtivo".

Tamén se implantarán "novas temáticas de obradoiros adaptadas ás características das persoas usuarias de ‘SmartPeme', con novos itinerarios formativos e incrementando as colaboracións coas asociacións para impartir temáticas do seu interese", asegurou Carmela Silva, que informou de que "imos da man das asociacións, definindo as demandas que estas detectan, para que o que creamos teña unha demanda e non se convertan en iniciativas interesantes pero sen resultados". Do mesmo xeito, "imos seguir organizando almorzos de networking onde traeremos ás persoas máis relevantes do panorama estatal e internacional", asegurou a presidenta provincial. Con todo isto, asegurou, "o programa ‘SmartPeme' vai seguir sendo un dos instrumentos máis importantes para desenvolver as potencialidades da nosa provincia". "Vivimos nunha provincia moi dinámica, con moitas persoas que dan pasos cara a adiante para crear novos proxectos e queremos acompañar a toda esa capacidade creativa", sinalou Carmela Silva, "que está a permitir que se poña en marcha a economía correndo riscos".

No conxunto da provincia, os resultados de "SmartPeme" tamén está a obter resultados positivos. Deste xeito, en 2017 realizáronse 1.217 asesoramentos TIC, fronte aos algo menos de 1.100 do ano pasado (un incremento do 12 %) e realizáronse 273 obradoiros (un 4 % máis que no período anterior) aos que asistiron 1.936 persoas (un 13 % que en 2016).