Noticias

Carmela Silva presenta o "Encontro Imparable" de visibilización da muller emprendedora

O evento, que forma parte dunha rede profesional a nivel nacional, terá lugar o vindeiro 22 de outubro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra


06 out 2016

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá acompañada pola Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, o terceiro "Encontro Imparable" da rede profesional #MujeresImparables, que persegue a visibilización da muller emprendedora a nivel nacional, e que acollen por primeira vez a cidade e a provincia de Pontevedra. A xornada terá lugar o vindeiro 22 de outubro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e está organizada pola institución provincial dentro do seu servizo de Igualdade.

Carmela Silva asegurou que "cando nos xuntamos as mulleres somos imparables, e como non estamos dispostas a parar poñemos en marcha este encontro que vai reivindicar a presenza das mulleres na sociedade e en todos os ámbitos, como a cultura ou o mundo empresarial, e así continuar neste camiño de loita contra todos os impedimentos e mesmo as lacras que sufrimos".  Un traballo que tal como sinalou a Presidenta "serve para que esta Deputación sexa un referente en Igualdade en toda Europa, algo que me enche de orgullo como Presidenta desta institución".

O terceiro "Encontro Imparable", tralos celebrados en Jerez e Sevilla (este último con máis de 2,3 millóns de impactos en Twitter), "será un evento moi fresco e dinámico, que aposta polo networking e polas conferencias curtas" nas que "mulleres emprendedoras de relevancia nacional, así como mulleres galegas con iniciativas profesionais interesantes e innovadoras" falarán das súas experiencias como alicerces da sociedade "e así poderlles dar visibilidade aos seus traballos", precisamente un dos obxectivos da xornada: a visibilización do liderado da muller profesional, así como a suma de sinerxías e o establecemento de novas vías de cooperación "non só entre mulleres, senón entre mulleres e homes líderes xa que a Igualdade atangue a todas as persoas".

A xornada, que se desenvolverá dende as 9:30 horas da mañá ata arredor das 20:30 horas (con pausas para o café e xantar incluídas), aposta polas conferencias dinámicas e breves impartidas por mulleres procedentes de eidos moi diversos como a innovación dende as institucións públicas (coa directora da Área de Centros da Axencia de Innovación da Xunta de Galicia, Sonia Pazos Álvares), a comunicación e a interpretación (comunicadora e actriz Nieves Rodríguez), o coaching (a fundadora de Emotivación e coach profesional Patricia Rodríguez), o xornalismo (xornalista e asesora de comunicación Carla Reyes Uschinsky) ou a xestión cultural (xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago). Tamén acollerá diversos obradoiros nos que as asistentes, por grupos, deberán idear un proxecto de empresa ou reconstruír a historia dunha muller "imparable" e emprendedora. Estas actividades, como sinalou unha das impulsoras en Galicia do proxecto, Vanesa Míguez, "van potenciar a súa creatividade".

As persoas interesadas en asistir a este evento, que ten unha capacidade para arredor de 80 prazas, deberán preinscribirse enchendo un formulario web dende a páxina web da Deputación, www.depo.es (para isto habilitarase un banner na páxina principal), despois do cal recibirán un correo electrónico no que se lles indicará o número de conta no que terán que facer o ingreso dos 25 euros que custa a asistencia a esta quenda. O proceso está aberto dende hoxe e ata o vindeiro 20 de outubro.