Noticias

Carmela Silva presenta o balance das obras e dos empregos creados ao abeiro do "Plan Concellos 2016"

A Deputación de Pontevedra está a realizar preto de 400 obras cun investimento de 30 millóns de € e creou máis de 1.100 postos de emprego con outro investimento de 9 millóns


28 out 2016
Carmela Silva
Carmela Silva

"Un exitazo" foi a palabra que escolleu a presidenta  da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para facer balance hoxe, en rolda de prensa, das obras e postos de emprego que o "Plan Concellos 2016" facilitou para os 60 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes e que deu unhas cifras de preto de 400 obras na provincia cun investimento de máis de 30 millóns de € e máis de 1.100 postos de traballo creados con outros preto de nove millóns.

"O Plan Concellos ten permitido que todas as vilas da provincia poidan facer fronte á prestación de servizos e á garantía de dereitos, cousa que os datos visualizan con moita claridade", asegurou a presidenta  provincial antes de resaltar as cifras acadadas polo plan de cooperación municipal que atendeu a 60 concellos, todos os da provincia (contando por separado Cerdedo e Cotobade, cuxa fusión foi efectiva tras o remate do "Plan Concellos") agás as cidades de Pontevedra e Vigo, que contan con convenios específicos. Carmela Silva engadiu que "estamos moi satisfeitos e satisfeitas co Plan Concellos porque é un plan racional, ben feito, transparente, que permite que os concellos tomen as decisións e polo tanto as obras se fagan como se teñen que facer, a diferenza de se facían antes: por libre disposición e cunha xestión desastrosa chea de modificados con cartos".

Neste sentido, as 383 obras realizadas ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2016" repártense entre distintas categorías: estradas (136 proxectos cun investimento de 9.392,162,67 €), servizos urbanísticos (68 proxectos con outros 5.558.880,67 €), equipamentos (50 proxectos por valor de 3.868.792,17 €), subministros (89 proxectos aos que se lles dedicaron 3.342.526,21 €), edificación (36 proxectos cun investimento de 2.461.114,61 €), medio ambiente (28 proxectos facendo un total de 1.978.946,89 €), parques e xardíns (35 proxectos cunha achega económica de 1.925.334,48 €), enerxía (26 proxectos con 980.866,29 € de investimento) e documentación (4 proxectos que supuxeron unha achega total de 532.354 €).

A suma total dos investimentos da liña 1 supoñen un investimento por parte da Deputación de Pontevedra de 30.040.977,99 €. "Todas estas obras de saneamento, pavimentación, de alumeado público, eficiencia enerxética ou parques infantís, entre moitas outras cuestións, non serían posibles sen o Plan Concellos. Hoxe os concellos poden facer fronte ás necesidades e ás demandas das súas veciñanzas grazas a este investimento. Ningunha administración pública, ningunha, ten respondido a estas demandas como o fixo a Deputación de Pontevedra", asegurou Carmela Silva, e lembrou que "xa comecei a visitalas, e vouno facer en todas estas obras porque é moi importante visualizar o traballo que fai a Deputación de Pontevedra".

Ademais, a liña 4 dedicada ao emprego permitiu que máis de 1.100 persoas atopasen un posto de emprego nos servizos municipais de todos estes concellos grazas a un investimento de preto de 9 millóns de euros. "Se non existise esta liña de emprego, os concellos non poderían facer fronte case a ningunha das actividades que teñen que prestar á cidadanía, porque teñen unha escaseza de traballadores moi importante e o Goberno central non permite a contratación. Por iso a Deputación tamén é a que garante que se poidan prestar os servizos con persoal", asegurou Carmela Silva. En total creáronse 1.160 empregos en construción, obras públicas e albanelería; horticultura, parques e xardíns e medio ambiente; peóns, operarios e operarias e servizos varios; limpeza e recollida de lixo; persoal administrativo e técnico, ordenanzas e vixiantes de seguridade; persoas condutoras e operadoras de  maquinaria ou persoal de axuda no fogar, entre moitas outras ocupacións.

Á liña 1 do "Plan Concellos 2016" adheríronse todos os 60 concellos da provincia cun número de habitantes inferior aos 50.000 e á liña 4 do "Plan Concellos 2016" adheríronse todos os concellos agás un, o de Valga, facendo un total de 59 vilas beneficiarias.

Dossier liña 1

Dossier liña 4