Noticias

Carmela Silva presenta en Mallorca o pioneiro estudo desenvolvido polo ORAL para enlazar as políticas fiscais municipais cos ODS

O traballo foi acollido pola Rede Estatal de Entidades Locais para a Axenda 2030, reunida hoxe en Palma, como caso de "boa práctica" e modelo a seguir polas administracións locais


01 outubro 2021
Rede Estatal de Entidades Locais

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou no Consello de Goberno da Rede Estatal de Entidades Locais para a Axenda 2030 que tivo lugar esta mañá en Palma de Mallorca. No encontro, no que se aprobou a creación dun grupo de traballo sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable para seguir avanzando na Axenda 2030, a presidenta presentou como caso de boas prácticas o pioneiro estudo desenvolvido polo ORAL que enlaza as políticas fiscais municipais co cumprimento dos 17 ODS da Axenda 2030.

A Rede Estatal de Entidades Locais para a Axenda 2030 tomará como modelo desde hoxe o estudo desenvolvido polo ORAL que localiza os ODS a través de bonificacións fiscais en liña co desenvolvemento sostible, a igualdade, o emprego e a cohesión social. Como exemplos, o estudo destaca que, cun impacto mínimo na recadación, pódense adoptar medidas como a exención do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para os centros sanitarios de titularidade pública ou bonificalo nos edificios e casas unifamiliares con sistemas de aproveitamento térmico ou enerxético. Ademais, sinala a posibilidade de bonificar o Imposto de Actividades Económicas (IAE) nas empresas que organicen transporte colectivo para o seu colectivo laboral ou creen emprego. Tamén reducir o Imposto de Vehículos (IVTM) para as motorizacións respectuosas co medio ambiente ou o Imposto de Construcións (ICIO) nas vivendas de protección oficial. Asemade, o ORAL apunta á posibilidade de diferenciar as tarifas de determinadas taxas e prezos públicos para apoiar ás vítimas da violencia de xénero, ás familias numerosas ou monoparentais, ás persoas con diversidade funcional e ás persoas vulnerables.

Xunto ao estudo do ORAL, que será tomado como referencia a partir de agora entre as administracións locais que integran a Rede Estatal de Entidades Locais para a Axenda 2030, Carmela Silva explicou os tres eixes de traballo da Deputación de Pontevedra para espallar os ODS. O primeiro deles, a formación e a capacitación, impartindo cursos e organizando xornadas formativas como a que arrancou esta mesma semana nos viveiros de empresas relacionada coa Axenda 2030 e as empresas. Tamén traballa a través da concienciación e sensibilización, impulsando campañas que se desenvolven ao longo do ano para reivindicar aspectos centrados cos ODS, e do apoio e capacitación local, aliñando políticas públicas coa Axenda 2030 a través de iniciativas como o estudo desenvolvido polo ORAL.

A Deputación de Pontevedra tense convertido en pioneira a nivel estatal no desenvolvemento da Axenda 2030. A institución comezou xa a traballar na implantación da Axenda 2030 no 2019, cando elaborou unha diagnose para medir o grao de cumprimento dos ODS que revelou que, xa daquela, cumpría co 90 % dos obxectivos. Ademais, foi das primeiras administracións en aliñar os orzamentos e as súas políticas públicas coa Axenda 2030 o que incidiu en que, a día de hoxe, dea cumprimento practicamente ao 100 % dos ODS.

Trala xuntanza en Palma de Mallorca a presidenta da Deputación asistirá ao I Foro Urbano de España, que será inaugurado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o vindeiro martes, 5 de outubro, en Sevilla e no que se darán pasos para avanzar na Axenda Urbana. A institución, unha das catro deputacións de todo Estado (Barcelona, Córdoba, Granada e Pontevedra) pioneira neste ámbito, terá un papel protagonista, coa participación de Carmela Silva nunha mesa de debate na xornada inaugural e coa presenza dos deputados provinciais Gregorio Agís e Uxío Benítez noutros encontros nos que se afondará na elaboración de proxectos e plans relacionados co desenvolvemento urbano sostible, seguro, resiliente, estratéxico e integrado do territorio.

Fotos