Noticias

Carmela Silva presenta "Aprendizaxes para a vida", a cuarta edición dos calendarios competenciais para infantil e primaria

A presidenta destacou a necesidade de educar "doutro xeito" neste século XXI, "para crear mentes libres con pensamento crítico e facer fronte aos grandes retos"


11 decembro 2019
Calendarios competenciais

Baixo o nome de "Aprendizaxes para a vida", a Deputación de Pontevedra en colaboración coa mestra creadora e coordinadora do traballo, Teresa Domínguez, acaba de publicar a cuarta edición dos calendarios competenciais para infantil e primaria, unha innovadora experiencia de aprendizaxe que foi cualificada pola presidenta, Carmela Silva, como "marabilla didáctica". Silva, que presentou a iniciativa nunha das aulas do CEIP de Laredo de Redondela, destacou que "neste século XXI temos que educar doutro xeito, creando mentes libres con pensamento crítico para facer fonte aos grandes retos que se presentan".

Os calendarios competenciais, tal e como explicou a presidenta, teñen por obxectivo facer que a "educación, aprendizaxe e competencias que temos que adquirir se fagan desde múltiples perspectivas". Neste eido a presidenta destacou o "papel fundamental" que xogan as nais e os pais: "é imposible educar en plenitude e de xeito integral se non o facemos todos os axentes implicados, e desde logo a familia ten un papel fundamental, así como as administracións públicas".

Ao respecto dos contidos dos calendarios, a presidenta destacou que "ofrece numerosas propostas que teñen en conta todas as áreas de coñecemento e permiten a relación entre centros e familia, apostando pola igualdade e por visibilizar a mulleres en diferentes eidos". Neste sentido a presidenta destacou que para 2020 as mestras van ter un papel fundamental no calendario. "Quen non tivo unha mestra que lle deixou unha pegada inesquecible? Eu aínda lembro a miña profesora Argentina, que me deu clase en 2.º de EGB, e que espertou en min unha paixón moi forte pola lectura. Este calendario vai ser tamén un recoñecemento ás mestras que son recordadas nos concellos da nosa provincia".

Durante o acto de presentación dos calendarios, a presidenta enxalzou o papel da educación pública, "a mellor educación que existe tanto en contidos como en calidade, a que ten a mestras e mestres comprometidas e comprometidos, que cren no público e na educación como a grande institución transformadora da vida. As persoas viñemos ao mundo para ser felices e iso conséguese sendo persoas formadas, cultas, con compromisos, con valores e con principios nos que xoga un papel moi importante a educación pública".

Pola súa banda, a creadora dos calendarios, a mestra Teresa Domínguez, agradeceu o papel das familias para impulsar a educación de calidade e destacou que para iso "naceron estes calendarios, un pequeno instrumento que permite ter estratexias para educar máis e mellor, que promove que tanto fillas e fillos como familias aprendan a aprender, a sentir, a vivir, a emocionarse, a querer coñecerse e motivarse no contexto próximo". Sobre os contidos, Domínguez informou que abordan "temáticas de actualidade, a igualdade de xénero e cuestións como o Día da Paz, o coidado do medio ambiente, o descubrimento da xeometría da contorna así como ideas para ler en familia obras escritas por mulleres ou ver filmes dirixidos por mulleres ou centrados en historias de mulleres".

En total este ano a Deputación de Pontevedra recibiu xa un total de 5.000 solicitudes de calendarios competenciais de infantil e primaria. "Temos que pensar xa en abrir o campo dos calendarios e facer tamén un para secundaria, queremos chegar a todos os centros educativos da provincia", asegurou a presidenta.

Fotos