Noticias

Carmela Silva pecha a xornada da Escola de Igualdade María Vinyals coa convicción de que "cada día somos máis e imos a cambiar o mundo"

Alegación radical de Towanda Rebels contra a pornografía como a máxima expresión da desigualdade: "esta industria xa creou xeracións de mozos yonquis do porno e costará acabar con ela"


09 outubro 2019
Clausura Mercantilización do corpo das mulleres

Ante un auditorio de máis de 200 persoas no castelo de Soutomaior, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou esta tarde na clausura da xornada sobre Mercantilización do Corpo das Mulleres da Escola de Igualdade María Vinyals, que as feministas "imos cambiar o mundo, cada día sumamos a máis persoas, así que o camiño se fai camiñando e co orgullo de que ese é o camiño que hai que facer", e convidou a todas as mulleres a sentirse "orgullosas da nosa aposta por ser libres, iguais e xustas". "As mulleres libres, iguais e xustas son é somos perigosas –manifestou Silva–. Ás nenas desde ben pequenas nos ensinan a poñernos nas esquinas e atrás, por iso nós nos imos poñer aquí de pé e no centro, sabendo que imos ser moi criticadas de querer ocupar os espazos. Pois que saiban que claro que queremos ocupar espazos, queremos ocupar todo, a metade de todo".

Tras a lectura das conclusións da xornada pola xornalista de La Voz de Galicia, Maruxa Alfonso, a presidenta provincial asegurou que "se todo é importante á hora de defender o 52 % da poboación, os temas que hoxe ocuparon as reflexións da xornada son o centro da dominación e por iso deben estar no centro do debate político". Silva rematou "un día de felicidade porque de aquí saímos reforzadas e reforzados en coñecemento, argumentos, conviccións e conceptos de igualdade. Desde o feminismo queremos cambiar o mundo e tardaremos o que faga falta".

A xornada pechouse coa conferencia de Teresa Lozano e Zua Méndez, Towanda Rebels, que falaron sen prexuízos acerca do "Porno e violencia sexual", tras ser presentadas pola xornalista do Diario de Pontevedra, Sara Vila. As dúas integrantes da plataforma de comunicación e expresión feminista centraron a súa intervención na normalización da cultura da violación, da man da industria pornográfica que diariamente atrae a milleiros de nenas e nenos e de adolescentes en todo o mundo, un dos grandes paradigmas do patriarcado. "Para falar de pornografía hai que falar de prostitución e para falar de prostitución desde hai uns anos hai que falar de pornografía", sinalaron, para logo definir a pornografía como "a escola de puteiros". "As feministas somos as máis optimistas do mundo, porque pensamos que este modelo de masculinidade hexemónica é tóxico se pode cambiar, podemos deconstruílo e cambialo. E a súa propaganda máis importante é agora a pornografía". Para as Towanda Rebels, a pornografía, na actualidade xa normalizada, "crea adictos, crea yonquis do porno, creou xeracións enteiras de mozos que son yonquis do porno. E o espazo onde poden exercer esta masculinidade tóxica é o espazo da sexualidade, do sexo".

Teresa Lozano e Zua Méndez repasaron con exemplos gráficos e audiovisuais a forma en que a industria pornográfica amosa unha "cultura da violación" a través dos comportamentos masculinos e femininos que promove. "Eles o ven para masturbarse e elas para aprender a ser dominadas", indicaron. "O home é o suxeito e a muller a submisa (...) Hai uns roles moi marcados: elas como obxectos compracentes e eles como suxeitos desexantes  –apuntaron–. E todas as películas acaban cun plano dela sorrindo, coa cara chea de seme, o que nos quere amosar que todo é consentido e a ela lle gusta. Que ás mulleres lles gusta ser maltratadas, vexadas e humilladas. Isto é o que ensina a pornografía". E, neste senso, fixeron fincapé en que xa se percibe unha representación cultural da muller impregnada de violencia "onde temos un valor en función de ser desexables, non desexar".

"Na axenda do feminismo –destacaron– unha das cousas máis importantes é loitar contra a pornografía e a prostitución". E, neste senso, rexeitan a regulación da prostitución "porque o puteiro prostituidor pasaría a ser un cliente con queixas sobre o produto, que é a muller". Amosaron esperanzas porque as mozas comezan a ser conscientes e empoderarse ante esta situación, aínda que entre os homes vai ser moito máis difícil eliminar a pornografía, "aínda que se desaparecera, nada malo vai pasar". Ademais, consideran superado xa o concepto de "consentimento" nas relacións sexuais, para dar paso ao desexo. E descartan a posibilidade dun porno feminista, "porque é un oxímoro falar diso, xa que as mulleres nunca imos cosificar a outras mulleres". "Non imos comprar a existencia dun porno feminista, porque non queremos facerlle o mesmo aos homes", destacaron.

Fotos