Noticias

Carmela Silva pasa revista ás obras da estrada provincial de Campelo e pona de exemplo de mobilidade do século XXI e de colaboración institucional

A presidenta destaca que o territorio hai que transformalo da man dos concellos e amósase encantada de poder dar resposta a "unha demanda histórica" que Poio levaba reclamando, sen resposta, durante moitos anos


19 febreiro 2020
Visita Poio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, realizou hoxe unha visita de traballo ao Concello de Poio, onde mantivo unha xuntanza co alcalde, Luciano Sobral, e varios concelleiros do equipo de goberno. Acompañada do deputado provincial de Infraestruturas e tamén concelleiro poiense, Gregorio Agís, repasou as distintas actuacións que se están a realizar no municipio. Ao remate, desprazouse ata as obras da estrada provincial de Campelo, onde se está a executar unha obra de humanización cun investimento de 1.324.967,81 euros para garantir a mobilidade peonil ao longo dos case 2 Km de trazado.

Carmela Silva, que comeza hoxe a percorrer distintas obras en marcha pola provincia, destacou que esta actuación é un exemplo de boas prácticas para outros concellos e o resultado dun "modelo compartido" para a transformación do territorio entre a Deputación e o Concello. A presidenta da Deputación destacou que estamos diante dunha "demanda histórica" de Poio e que mesmo pode cualificarse como "unha obra de xustiza, que era unha obriga, porque esta vía en Campelo nin ofrecía seguridade, nin mobilidade, nin accesibilidade, ata o punto de que as persoas corrían riscos". "Así que", engadiu, "en canto chegamos sentamos co Goberno local e puxémonos mans á obra". Nun prazo aproximado de seis meses, "e tras anos e anos e anos de reclamacións, a obra será unha realidade", anunciou.

A actuación agora en marcha continúa as dúas xa realizadas na zona máis próxima ao porto Campelo e na rúa Padre Avelino con fondos do Plan Concellos, polo que o investimento total da Deputación nesta estrada alcanza os 2.191.164,12 euros.

Durante a visita as obras, Carmela Silva e Luciano Sobral puideron apreciar a radical transformación dunha vía non só cunha alta densidade de circulación, senón tamén con moita presión residencial. Ambos amosáronse moi satisfeitos cos resultados que xa se poden apreciar nos primeiros 800 metros do trazado. Nalgúns treitos gáñanse máis de 5 metros de anchura para as sendas accesibles para as e os peóns. "Cambiar os modelos de mobilidade non é fácil", destacou Silva, "levamos desde máis da metade do século pensando que os protagonistas das infraestruturas eran os vehículos, pero a xente agora reclama espazo público para poder ocupalo, para poder pasear, para poder moverse, que sexa accesible para todas as persoas, nenos, nenas, persoas maiores: unha mobilidade do século XXI".

A presidenta da institución provincial rematou facendo un eloxio ao traballo conxunto dos 16 deputados e deputadas que forman o Goberno provincial e, explicitamente, quixo lembrar que o proxecto da estrada de Campelo naceu durante o pasado mandato da man do ex-deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez.

Luciano Sobral, pola súa banda, valorou o clima de entendemento institucional coa Deputación: "Para nós o cambio foi fundamental, non só polo trato, senón tamén polas inversións que neste tempo se levan feito aquí", recalcou. "Falamos dunha obra que o Concello levaba anos, e se digo dez anos ao mellor quédome corto, intentando que saíra adiante". Sobral encadrou estes avances no "reparto obxectivo de fondos por parte da Deputación de Pontevedra", mentres que antes, criticou, repartíanse "con criterio basicamente político, da cor política daquelas persoas que gobernaron; así que creo que se gañou moito en transparencia". Finalmente, lembrou que non se trata só da reforma da estrada de Campelo, senón tamén da reforma da rúa Padre Avelino (Campelo), do núcleo de Seara ou a mellora do campo de fútbol da Seca. "Cada vez que a Deputación ven aquí a Poio, para nós é unha gran alegría", concluíu.

O proxecto de mellora da EP-0601 Portosanto-Campelo supón a ampliación integral da sección da vía, conseguindo un ancho mínimo de 5,5 metros para os vehículos e sendas de formigón de 2,5 metros de anchura a un ou a ambos lados da estrada, segundo os tramos. Nos primeiros 700 metros, diante da presencia de moitas edificacións, optouse por unha "zona de convivencia en formigón con prioridade peonil" e redución de velocidade. Non obstante, en varios puntos aproveitáronse sobrantes para crear espazos de lecer que mesmo permitirán a súa mellora futura con dotación de mobiliario urbano de deseño, a modo de miradoiros. O proxecto tamén contempla a renovación total e soterrada de tódolos servizos de abastecemento, saneamento, pluviais, iluminación, electricidade e telecomunicacións, así como a reposición completa da sinalización horizontal e vertical.

A obra culmina as dúas primeiras fases realizadas no contorno do porto de Campelo e a rúa Padre Avelino. En concreto, xa está rematada a mellora do treito de 430 máis próximo ao porto, onde se fixo un ensanche da estrada ata os 6 metros e construíuse unha beirarrúa de 2,5 metros onde antes só existía unha estrada asfaltada sen ningún tipo de espazo peonil. A zona quedou configurada como un espazo de convivencia con circulación a 30 Km/h. Na rúa Padre Avelino (tamén rematada) nos seus 345 metros de lonxitude colocouse un novo pavimento en lastro de pedra con plataforma única e prioridade peonil, reducindo a velocidade de circulación rodada a 20 Km/h.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de data 17 de xuño de 2017), polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

 

Audios

  • Audio