Noticias

Carmela Silva participa mañá nos actos de Vigo e Pontevedra contra as violencias machistas

A Deputación de Pontevedra impulsa o desenvolvemento de proxectos artísticos simultáneos en dez cidades con motivo do Día Internacional contra as Violencias Machistas


24 nov 2015

Baixo o título "Mulleres en acción: violencia zero" a Deputación de Pontevedra impulsa o 25 de novembro a realización simultánea en dez cidades da provincia de diversas accións artísticas para chamar a atención sobre o problema das violencias machistas. Os actos centrais, que inclúen a lectura dun discurso e a conexión a través de Skype coas diferentes sedes do proxecto, terán lugar en Pontevedra, ás 12:00 horas, na praza da Peregrina, e en Vigo, ás 19:00 horas, na rúa Urzáiz. Neles participará a presidenta da Deputación, Carmela Silva, en liña co compromiso adquirido pola institución provincial coa igualdade de xénero.

O proxecto artístico está comisariado pola creadora Paula Cabaleiro e conta coa intervención de once novas artistas galegas, que lle farán partícipe do espectáculo á cidadanía de Caldas de Reis, Cangas, Lalín, Moaña, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, co obxectivo de promover unha reflexión crítica. A maioría das accións terán lugar ao mediodía, aínda que tamén hai algunhas performances programadas para a tarde.

Por outra banda, durante a noite do 25 de novembro o Pazo provincial iluminarase de cor violeta,  en símbolo de apoio á causa da igualdade. A institución provincial tamén exhibe nestes días na fachada unha gran pancarta contra a violencia machista, que se manterá ata finais do mes de novembro.

Ampla difusión nas redes sociais

A Deputación de Pontevedra presentou o proxecto  "Mulleres en acción: violencia zero" o pasado 18 de novembro. Desde entón as diferentes publicacións sobre a campaña nas redes sociais da Deputación rexistraron máis de 15.000 impactos. En Twitter estase a utilizar o hashtag  #ViolenciaZero para dar a coñecer as diferentes actividades artísticas.

Proxectos artísticos

Poden consultarse todos os detalles do proxecto, das artistas participantes e das diferentes actuacións no espazo web: www.depo.es/mulleres-en-accion-violencia-zero e no blog mulleresenaccion25n.wordpress.com.