Noticias

Carmela Silva: "os defensores do patriarcado están asustados. As mulleres somos perigosas porque queremos cambiar o mundo e ese cambio é imparable"

A presidenta da Deputación, xunto ao alcalde Fernández Lores, participou na apertura do II Foro As Mulleres que Opinan son Perigosas no que profesionais do xornalismo e da escritura reflexionan sobre a realidade do xornalismo de opinión en España


01 marzo 2019
Inauguración As mulleres que opinan son perigosas

"A loita pola igualdade é a única que de verdade vale a pena. O pasado 8M foi unha data histórica e cambiaron moitas cousas. As mulleres amosamos que estamos moi presentes e moi fortes. Esta loita é a que merece a pena". Así comezou conversando a presidenta da Deputación de Pontevedra na apertura da segunda edición do foro As Mulleres que Opinan son Perigosas, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e as dúas xornalistas e organizadoras do evento, Diana López Varela e Susana Pedreira. Durante hoxe e mañá, no Teatro Principal de Pontevedra, 15 mulleres columnistas de diferentes xeracións e perfís debaterán, xunto ás persoas asistentes, sobre a realidade do xornalismo de opinión en España.

"As persoas que defenden o patriarcado están moi asustadas e teñen moito medo. Claro que as mulleres somos perigosas. Porque nós queremos cambiar o mundo e o cambio que defendemos é imparable", explicou a presidenta provincial. Debatendo sobre a presenza nas rúas do autobús de Hazte Oír no que se nega a violencia machista, Silva expuxo que aínda así "estou optimista porque este autobús xorde como resposta a que a nosa loita é imparable, as mulleres somos moi fortes e defendemos un cambio que non se pode parar".

A presidenta da Deputación amosouse partidaria de combater sempre, en todo caso, a todas aquelas persoas e ideas que perseguen a igualdade das mulleres. "Hai cousas que me sorprenden. Nun país onde hai sentenzas de cárcere a humoristas, sorprende que circule sen problema un autobús onde se use a figura de Hitler, caracterizado coma muller, co termo feminazi e onde se nega a violencia de xénero. Somos un país onde, por exemplo este ano, levan morto máis mulleres asasinadas que semanas levamos de 2019. Polo tanto a min isto paréceme un delito de incitación ao odio", reflexionou Carmela Silva, quen quixo rematar lembrando os versos de Alberti "a galopar, a galopar hasta enterrarlos en el mar".

O alcalde de Pontevedra tamén coincidiu coa presidenta provincial na necesidade de loitar contra aqueles e aquelas que queren destruír os logros da igualdade, "temos que combatelos democraticamente. Educar e formar á cidadanía para non dar pábulo ás súas mensaxes. Aínda que tamén moitas veces, o mellor desprezo é o non aprecio. A eses que negan a evidencia dun movemento imparable e as súas causas, eu case prefiro ignoralos", manifestou Lores.

Para deixar patente a forza das mulleres e a necesidade das súas reivindicacións, Silva aproveitou a apertura deste foro para facer un chamamento a seguir a folga do 8 de marzo. Eu como presidenta, as mulleres do Goberno, xunto ás mulleres dos gabinetes, vamos facer folga e xa fixemos chamamento para que todas as mulleres da Deputación se sumen á loita. Pero quero lembrar que é unha folga de 24 horas e é unha folga de mulleres e só nós temos que facela. Eles teñen que coidar ese día e despois poden vir acompañarnos ás concentracións. Pero quede claro que é unha folga de mulleres e de 24 horas". A presidenta tamén aproveitou para reivindicar máis presenza feminina nos actos a todos os niveis, local, autonómico, provincial e estatal. "Fago un chamamento a todo o mundo para que, cando organizan actos, pensen que a metade das persoas presentes deberían ser mulleres. Seguimos sen estar nas fotos e as fotos tamén son nosas. Estou cansada de estar sempre nos actos eu soa rodeada de moitos homes".

O encontro As Mulleres que Opinan son Perigosas reúne estes dous días a 15 xornalistas e creadoras de relevancia como Chus Gómez, Lorena Maldonado, María Xosé Porteiro, Gemma Herrero, Carmen Magdaleno, Ana Requena, Ana Romaní e Pepa Bueno. Na xornada de mañá sábado poderase escoitar a Irene Bascoy, Lucía Mbomío, Tati Moyano, Tareixa Navaza, Teresa Lozano e Zua Méndez, xornalistas galegas e Marta Sanz.

O apoio ao segundo foro As Mulleres que Opinan son Perigosas é un acto máis da ampla programación que a Deputación ten en marcha con motivo do 8 de marzo. Hoxe mesmo tamén, as deputadas e os deputados provinciais despregaban unha pancarta nas sedes provinciais de Pontevedra e Vigo en apoio ás reivindicacións feministas do 8M e animando ás mulleres a sumarse á folga.

Fotos