Noticias

Carmela Silva subliña no "Digital Tourist" de Benidorm a firme aposta da Deputación de Pontevedra pola dixitalización do turismo

A presidenta destacou no Congreso o avanzado modelo provincial. "Levamos tres anos impulsando actuacións no eido da dixitalización e dotando de ferramentas tecnolóxicas ao sector turístico da provincia"


03 xuño 2021
Carmela Silva no Digital Tourist

"Se queremos ser máis competitivas e competitivos e promover a pronta recuperación da actividade turística, e máis neste contexto, precisamos apostar pola dixitalización e as novas tecnoloxías. Non son o futuro senón o presente". Así o asegurou esta tarde Carmela Silva en Benidorm durante a primeira xornada do Congreso "Digital Tourist", que se estenderá ata mañá venres para debater sobre a intelixencia artificial como garantía de sustentabilidade turística e a súa utilidade para as Smart Offices; sobre o turismo intelixente e modelos de negocio sustentables, a tecnoloxía nos novos produtos turísticos, o plan de recuperación e resiliencia, os plans de sustentabilidade turística e os ODS no turismo dixital.  A cita, na que participou o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, reúne a autoridades do Estado, representantes da Organización Mundial do Turismo e das máis importantes empresas do sector privado.

Carmela Silva participou na mesa de debate "Dixitalización do comercio turístico: reconstrución do sector" xunto á concelleira de Innovación de Benidorm, Aida García; o CEO de Pecunpay, Antonio García; o vicepresidente de Government Engagement de Mastercard, Daniel Nieto; e o director do centro SPEC de Cibernos, Emilio Herrera. A Presidenta sinalou que "na Deputación tiñamos moi claro desde que chegamos ao goberno cal debía de ser o noso modelo e levamos desde 2016, coa creación de SmartPeme, mentorizando e apoiando ás pemes e ás persoas emprendendoras, impulsando actuacións no eido da dixitalización e coa dotación de ferramentas TIC". Así, a presidenta detallou a atención a 6.363 empresas, os 10.210 asesoramentos do persoal de SmartPeme e as 1.662 actividades nas que participaron 17.157 persoas. Tamén puxo en valor Turistic, a carteira dirixida ao sector cara a mellorar a eficiencia e produtividade mediante a capacitación tecnolóxica. Destacou actividades como a Xornada Turistic, os premios ao Talento Turístico, o reto Hackaton, ou a aceleradora do sector na que xa participaron 20 empresas da provincia.

Carmela Silva incidiu no gran reto no que traballa a Deputación: "queremos que o noso destino sexa o primeiro territorio intelixente certificado. Así o temos contemplado no noso novo Plan Estratéxico, que prevé dez programas entre os que se atopa a capacitación, a vixilancia competitiva e intelixencia turística e a sustentabilidade". Para elo, afondou no proxecto "Tourist Inside" que, dotado con 1,9 millóns de euros, está a permitir avanzar na transformación da provincia como Destino Turístico Intelixente, "algo que espero que conseguiremos xa a finais de ano". A través deste programa, tamén se están a transformar dixitalmente as oficinas de turismo da Red Info Rías Baixas, así como a implantar servizos, dixitalizar o territorio mediante equipamento TIC, facilitar ferramentas ao sector e implantar unha plataforma de interoperabilidade. Fixo fincapé no reforzo realizado na intensificación do impulso da dixitalización durante a pandemia, "ao entender que impoñía unha nova realidade", e destacou os obradoiros online orientados á comercialización, á ciberseguridade, ao posicionamento SEO, así como a primeira aceleradora de comercio e a formación online das 300 empresas que forman parte do SICTED, para avanzar na mellora continua da calidade

V A presidenta puxo en valor o papel "crucial" que xogaron as entidades locais durante a pandemia e, por elo, significou que "son administracións que están sobradamente preparadas para executar con eficacia os fondos Next Generation". "Amais, engadiu, os recursos deben destinarse a transformar e a reactivación debe chegar aos pequenos concellos ao través das deputacións porque durante a crise xa demostramos a nosa eficiencia para facelo". Carmela Silva mostrou o seu optimismo cara á recuperación do turismo. "Está a ser moi duro pero estamos saíndo do túnel e este país ten preparación, coñecemento, ilusión, forza e talento para conseguilo".

 Na mesa moderada polo presidente da Comisión de AMETIC, Alfonso Borrero, tamén se abordaron cuestións como o binomio turismo-comercio e de como pode contribuír a paliar unha das debilidades dos destinos litorais: a estacionalidade. Amais, puxeron en valor a colaboración pública-privada e a importancia da tecnoloxía para mellorar a oferta turística e comercial, adaptándoa ao gusto de potenciais visitantes, facéndoa máis accesible e segura.

Amais do "Digital Tourism", a axenda en Benidorm da presidenta incluíu a súa presenza na comisión executiva e na comisión plenaria da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.

Fotos

Vídeos