Noticias

Carmela Silva: "Ita Xacol e Juventina son o exemplo máis claro de que as mulleres mudan o mundo"

A presidenta provincial recibiu ás dúas activistas indíxenas guatemaltecas e fixo fincapé na necesidade de cambiar "desde a igualdade porque as loitas por construír sociedades xustas só se van a gañar se as mulleres somos protagonistas"


21 novembro 2018
Clausura da exposición Tecedoras de Cambio

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu esta mañá a Juventina López e a Manuela (Ita) Xocol, as dúas cooperantes indíxenas guatemaltecas que protagonizarán, ao longo destes días, a xira provincial "Mulleres que cambian o mundo" que percorrerá Pontevedra, Vigo, Bueu, Silleda, A Estrada, Lalín, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e O Grove. Xuntas, e acompañadas da Coordinadora Galega de ONGD, clausuraron a exposición "Tecedoras de cambio", da que López e Xocol son tamén protagonistas, e que nunha semana repartiu preto de medio millar de libros explicativos.

Carmela Silva enxalzou a Juventina López e Ita Xocol ás que incluíu no grupo de "mulleres potentísimas e empoderadas que están decididas a cambiar o mundo". Para a presidenta este acto foi "un dos máis fermosos destes tres anos e medio de Goberno, no que mulleres de diferentes continentes nos unimos para falar de que é necesario cambiar o mundo e de que hai que facelo desde a igualdade, coa participación da metade da poboación que somos as mulleres, cunha mirada plural e horizontal e entendendo que as loitas por construír sociedades xustas soamente se van acadar se as mulleres somos protagonistas".

As dúas mulleres indíxenas tomaron a palabra para agradecer a oportunidade de trasladar a súa visión do mundo á sociedade pontevedresa. Deste xeito, López, activista, presidenta da Asociación Indíxena Agropecuaria Prodesarrollo Integral de Champerico, mediadora de conflitos, guía espiritual e indíxena mam, destacou que a través desta xira "temos a posibilidade de dar a coñecer a realidade que vivimos as mulleres que fomos discriminadas, humilladas, por ser mulleres, indíxenas, cun vestiario e idioma diferentes, coa nosa propia identidade cultural". Neste eido, Juventina resaltou a necesidade de mudar o mundo "coa participación das mulleres, co noso empoderamento e maior incidencia nos espazos públicos e privados".

No caso de Ita Xocol, ademais de amosar a súa satisfacción por poder compartir e defender a súa loita pola consecución de dereitos en Guatemala, enxalzou a necesidade de defender o dereito á comunicación como un xeito de dar a coñecer e fortalecer ás mulleres. Neste caso, Xocol, promotora dos dereitos das mulleres indixenas k´iche´en en Nahualá e presidenta da radio comunitaria "La Voz de Racantaj", explicou que os medios de comunicación comunitaria en Guatemala están a sufrir ameazas e persecucións por parte do Goberno, considerándoos ata "medios piratas".

Pola súa banda a representante da Coordinadora Galega de ONGD destacou os principais obxectivos de "Mulleres que mudan o mundo". Segundo a coordinadora, a través da xira de Juventina López e Ita Xocol preténdese dar a coñecer a "historia de vida" de Juventina e Ita, coa finalidade de "tomar a súa testemuña como referente do que debe ser a aposta por transformar o mundo no que vivimos que, lamentablemente, está cheo de desigualdades e inxustizas".

A xira "Mulleres que mudan o mundo", que protagonizan López e Xocol e arranca hoxe en Pontevedra, é, segundo destacou a presidenta da Deputación, un xeito de "espallar os sorrisos da xustiza e da igualade para que todas e todos sexamos moito máis felices que é o que os seres humanos buscamos na vida".  Tras pasar por Pontevedra, Juventina López e Ita Xocol estarán mañá en Vigo no Instituto O Castro pola mañá e na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo ás 19 h. O venres 23 desprazaranse ata Bueu onde darán ás 19 h unha conferencia na sala de exposicións Amalia Domínguez e o luns 26 de novembro estarán en Silleda (11 h no Instituto Colmeiro) e A Estrada (16 h visitarán a Cooperativa Ullama). O próximo martes ás 12.30 h continuarán a xira no Instituto Laxeiro de Lalín e ás 19. h na Biblioteca Municipal de Caldas de Reis. "Mulleres que mudan o mundo" rematará o mércores 28 de novembro coas charlas no Instituto Castro Alobre de Vilagarcía (11.25) e na Sala das Cunchas do Concello do Grove (19 h).

Ademais de dar o pistoletazo de saída á xira "Mulleres que mudan o mundo" Silva, López e Xocol, xunto a representantes da Coordinadora Galega de ONGD, clausuraron a exposición fotográfica "Tecedoras do cambio. Historias de lideresas comunitarias que loitan por unha vida digna en América Latina, África e Asia". A mostra, que rematou esta mañá no Pazo provincial da Deputación, presentaba imaxes de 23 mulleres lideresas que están a cambiar o mundo dende as súas comunidades.