Noticias

Carmela Silva insta ao Estado e á Xunta de Galicia a retomar os estudos estatísticos para que a sociedade coñeza a envergadura da incidencia das violencias machistas sobre a infancia

"Non son dous ou tres as nenas e nenos que padecen as consecuencias da violencia machista, son milleiros as e os que viven nesta situación e a sociedade ten que sabelo", afirmou Silva


26 maio 2018
Inauguración xornadas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada delegada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugurou esta mañá a xornada Infancia e Adolescencia: Unha Cara Oculta da Violencia de Xénero organizada pola institución provincial, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo. A xornada, enmarcada na programación da Escola de Igualdade María Vinyals e que ofrece a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e adolescencia, congrega durante todo o día de hoxe, a máis de 150 persoas relacionadas co ámbito educativo, a sanidade, a xustiza e traballadoras e traballadores dos Centros de Información á Muller.

Carmela Silva puxo en valor na súa intervención a necesidade de retomar os estudos estatísticos para coñecer a realidade da situación. Neste eido, a presidenta provincial recordou que "desde o ano 2008 non se están a recompilar datos estatísticos que permitan analizar o que está a acontecer coas violencias machistas, non se está a estudar o que está a acontecer coa violencia que padecen as nenas e os nenos de mans dos seus pais ou parellas das súas nais. E se non hai datos, estatísticas, non somos conscientes da realidade". Por estes motivos, Silva esixiu ao Goberno de España e á Xunta de Galicia retomar os estudos e as estatísticas para que "o conxunto da sociedade coñeza a envergadura da situación, porque non son dous ou tres nenas ou nenos, son milleiros de nenas e nenos os que viven nesta situación e a sociedade o ten que saber".

A presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou a ocasión para amosar a súa postura ao respecto da custodia compartida. "Estou totalmente en contra, as crianzas non poden ter ningún tipo de relación cos maltratadores, debemos salvagardalas e garantir o seu dereito a ser felices". Neste eido, Carmela Silva afondou que "as nenas e os nenos de mulleres maltratadas sofren vendo como as súas nais viven situacións de terror e elas e eles mesmos viven tamén no terror desde que nacen, son educadas e educados no medo, na violencia, na negación de algo tan importante como a imaxe da súa nai e, en moitas ocasións, ata son asasinadas e asasinados polos seus pais para vingarse das súas nais. Esta é a crueza da realidade".

Ademais, Carmela Silva tamén reivindicou que "este século XXI vai ser o século das mulleres. Durante moito tempo as mulleres veñen denunciando a situación de inxustiza social que padecemos, a invisibilidade á que se nos somete, a necesidade de vivir nunha sociedade igualitaria, a situación de maltrato psicolóxico e físico que viven centos de milleiros de millóns de mulleres no mundo, e agora, no século XXI, é o momento no que toda esa herdanza recibida se converta en realidade". Neste eido, a presidenta da Deputación reivindicou a necesidade de loitar con forza contra a desigualdade e impulsar medidas para garantir a equidade e salvagardar a vida das mulleres e das súas crianzas.

A xornada Infancia e Adolescencia: Unha Cara Oculta da Violencia de Xénero vai dar a coñecer os resultados dun traballo de investigación, incluído no proxecto REDES da Universidade de Vigo, relativo a diferentes aspectos da violencia machista exercida sobre a infancia e a mocidade. Tamén ofrece a visión de diversas expertas nos ámbitos da psicoloxía, educación, saúde, xustiza e do mundo asociativo sobre esta problemática, así como proporciona elementos de debate e ferramentas para a prevención e intervención. Neste eido, conta coa participación de Ángeles Parrillo, Azucena Arias, Daisy Alcalde, Iria Vázquez, Sonia Vaccaro, Mariví Fernández, Lola Ferreiro, Paz Filgueira e Estrela Gómez baixo a coordinación de María Álvarez Lires.