Noticias

Carmela Silva insta a "empoderar ás nenas desde o berce" con motivo do Día Internacional da Nena

A presidenta da Deputación recordou que son millóns as nenas que non están escolarizadas, que corren o risco de sufrir mutilación xenital, que as obrigan a casar e que son vítimas de agresións sexuais ou son explotadas sexualmente


11 outubro 2017
Dia internacional da nena

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou esta mañá, con motivo do Día Internacional da Nena a necesidade de "empoderar ás nenas desde o berce para acadar unha igualdade efectiva entre mulleres e homes, para construír unha sociedade máis xusta e democrática".

Carmela Silva aproveitou esta conmemoración para recordar que "no mundo hai 31 millóns de nenas (27 de nenos) en idade de cursar estudos de primaria que non están escolarizadas e calcúlanse que uns 17 millóns delas nunca poderán ir á escola cando é precisamente a formación un dos instrumentos mellores para a igualdade". Ao respecto, a presidenta provincial puxo de manifesto que en situacións de conflito, son 2,5 veces máis as nenas que os nenos as que son excluídas do acceso á educación.

Pola súa banda, Silva tamén indicou que "cada sete segundos unha nena menor de 15 anos é obrigada a casarse e que 2,6 billóns de nenas viven en países onde a violación no matrimonio non se prohibe expresamente". Neste caso, a presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que "non podemos permitir que, en pleno século XXI, segan a suceder estes acontecementos que o único que poñen de manifesto é o impacto tan negativo que produce no mundo o dominio da cultura patriarcal".

Silva destacou que "a sociedade progresará se tamén o conseguen as nenas, as mulleres, a metade da poboación, porque soamente empoderándoas, soamente impulsando que teñan acceso á formación, que medren nun ambiente seguro, de igualdade e xustiza social, conseguiremos construír un mundo máis democrático"

O Día Internacional da Nena foi aprobado na Asemblea Xeral de Nacións Unidas do 19 de decembro de 2011. Desde o 2012 vense celebrando co obxectivo de recoñecer os dereitos das nenas de todo o mundo.