Noticias

Carmela Silva insiste de novo na convocatoria da mesa sobre a violencia machista ante o asasinato dunha muller en Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra cree que a sexta morte dunha muller na provincia é un feito que demanda medidas das administracións


29 out 2015

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, volveu hoxe insistir na convocatoria urxente dunha  mesa contra a violencia machista na que participen todas as administracións implicadas, o delegado do Goberno, as forzas de seguridade e a Xustiza, tras o novo asasinato dunha muller na cidade de Vigo. Silva considera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tería que poñerse á fronte desta iniciativa e impulsar a creación desta mesa.

Carmela Silva, que xa reclamou a súa creación a semana pasada tras o quinto asasinato dunha muller na parroquia de Ponte Sampaio, considera "imprescindible e urxente" a súa posta en marcha tras o sexto asasinato por violencia machista na provincia. "As administracións non podemos agocharnos tras a condena. Temos que poñer todos os nosos medios para articular as medidas necesarias que eviten este continuo goteo de asasinatos de mulleres", subliñou Silva.

A presidenta da Deputación condenou "coa maior repulsa" este novo asasinato e subliñou que "non podemos permanecer impasibles porque nos están a asasinar".

Desde o pasado mes de setembro as vítimas da violencia machista na provincia duplicáronse acadándose a cifra de seis. A nivel nacional son, con esta nova vítima de Vigo, 39 as mulleres asasinadas, e outros cinco casos están á espera de investigación.

Carmela Silva volveu facer un chamamento a toda a sociedade para acudir ás concentracións de repulsa contra este novo acto de violencia contra a muller "porque é necesario visibilizar e denunciar os asasinatos machistas".

A presidenta anunciou que acudirá aos tres minutos de silencio convocados polo Concello de Vigo para mañá.

Mañá venres tamén se convoca un minuto de silencio, ó mediodía, nas escaleiras de acceso ao Pazo provincial.