Noticias

Carmela Silva inaugurou no Rosal a exposición "Nado en Pedra", con 17 esculturas da Escola de Cantería

A mostra, que recolle pezas relacionadas coa emigración e os oficios tradicionais, pode visitarse na Praza do Calvario de O Rosal ata o vindeiro 3 de setembro


03 agosto 2017
Nado en Pedra

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde do Rosal, Jesús María Fernández, a concelleira Cultura, Medio Ambiente, Sanidade, Formación e Emprego, Charo Tabales, e a deputada delegada da Escola de Cantería, Montse Magallanes, inauguraron esta mañá a exposición "Nado en Pedra". A mostra, que poderá visitarse ata o 3 de setembro na Praza do Calvario, recolle unha colección de 17 pezas de gran tamaño elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería "que fala de nós, da nosa historia, da emigración e de tantos homes e mulleres que emigraron cara ao exterior", segundo explicou a Presidenta.

Carmela Silva destacou a relevancia da exposición, na que se inclúen pezas de máis de 1.000 quilos, todas elas relacionadas con algúns dos oficios tradicionais máis senlleiros da nosa terra, como o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá. A Presidenta afirmou que estas obras "emociónanme porque son dunha enorme beleza e tecnicamente están moi ben traballadas polos canteiros e canteiras da Escola da Cantería da Deputación de Pontevedra."

A Presidenta da Deputación eloxiou o traballo que realiza a Escola de Cantería, á que cualificou como "a mellor do mundo" e da que dixo "sentirme moi orgullosa". Ademais, lembrou que ex-alumnos e alumnas do centro atópanse hoxe en día realizando "obras de rehabilitación en edificios emblemáticos como o Capitolio en Washington, a Sagrada Familia de Barcelona, a Catedral de Santiago, e en todas as grandes construcións que se están a facer no mundo".

Carmela Silva tamén quixo felicitar ao Concello do Rosal por elixir a Praza do Calvario como escenario desta exposición pois "é unha praza que abraza perfectamente estas obras da Escola de Cantería, foi un acerto combinar a beleza da exposición coa da praza."

Para terminar, a presidenta da institución provincial aproveitou para subliñar que esta exposición, que xa pasou por Cambados, Nigrán e que tras O Rosal estará en Meaño, "é unha débeda que tiñamos coa Escola de Cantería para que os veciños e veciñas da provincia de Pontevedra poidan desfrutar do seu gran traballo."


Novas relacionadas

praia america

04 julio 2017, nigrán, escola de cantería, concello de nigrán, héctor rodriguez, juán gonzález, montse magallenes