Noticias

Carmela Silva inaugura a mostra de mulleres científicas na UNED e insta a impulsar un novo modelo educativo que permita educar en igualdade

A presidenta da Deputación amosou a súa preocupación pola diminución, ano a ano, das matrículas de mulleres nas carreiras de STEM


26 novembro 2018
Presentación mostra mulleres científicas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou esta mañá xunto á directora da UNED, María Troncoso, e á profesora universitaria María Álvarez Lires, a exposición "Las mujeres científicas: la evidencia de sus investigaciones" no Centro da UNED en Pontevedra. A mostra, que desde o ano 2016 está a percorrer os diferentes centros asociados da universidade a distancia, ten por obxectivos recoñecer e visibilizar o papel desenvolvido polas mulleres ao longo da historia na ciencia.

Neste contexto, a presidenta da Deputación amosou a súa preocupación pola redución do número de matrículas de mulleres en carreiras de STEM e instou ás administracións competentes a impulsar un modelo educativo diferente que permita educar en igualdade ás nenas e aos nenos. "Precisamos que as administracións e os centros educativos tomen conciencia de que xa é urxente que dende os cero anos se eduquen ás nenas e aos nenos indistintamente, que todas e todos poden facer de todo. E, para iso, é imprescindible recibir a mesma formación, as mesmas mensaxes educativas e poñer en marcha un modelo educativo que aposte pola igualdade", destacou Silva.

A presidenta fixo fincapé en que pese a que as mulleres sacan mellores notas en matemáticas desde primaria e ocupan o 55 % das persoas que se matriculan e rematan estudos universitarios, nas carreiras científicas cada vez son menos. "Está claro que desde que nacemos como nenas se nos orienta cara onde temos que dedicar a nosa vida, desde que nacemos xa se nos poñen teitos de formigón e, como se nos dirixe cara ao coidado non entendemos que podemos dedicarnos ás carreiras técnicas", destacou a presidenta.

Silva destacou que se as mulleres non se matriculan nas carreiras de STEM os homes, que son máis do 70 % das persoas que se matriculan nestas carreiras, seguirán dirixindo o mundo. Neste eido, a presidenta destacou que "todo o que se vai facer en todos os eidos sociais, todo aquelo que o ser humano leva facendo dende que está no universo, vai ter que ver coas novas tecnoloxías e por iso é necesario que as mulleres se matriculen nas carreiras tecnolóxicas e científicas". Pero, ao igual que se precisa incrementar as matrículas de mulleres nas carreiras científicas e tecnolóxicas, Carmela Silva tamén resaltou que "tamén temos que contar cos homes no coidado, que os coidados non son só das mulleres, que tamén teñen que ser dos homes para poder compartir todo, o 50 % da dirección, da política, da investigación, da economía, da sociedade e dos coidados".

Silva recordou que onte foi o Día Internacional contra as Violencias Machistas  e animou a continuar traballando, día a día, "contra esas violencias que padecemos as mulleres pero tamén para visibilizar as nosas aportacións en todos os eidos da sociedade, entre os que se atopa a investigación e a ciencia". Neste eido, a presidenta remarcou que moitos elementos que se empregan cada día e forman parte da vida das persoas foron inventados por mulleres e, "sen embargo, os seus nomes son descoñecidos, non aparecen nos libros de texto e por isto, exposicións como as que hoxe inauguramos son fundamentais para dar a coñecer o papel desenvolvido pola muller na ciencia".

"Las mujeres científicas: la evidencia de sus investigaciones" foi inaugurada o 8 de marzo de 2016 con motivo do Día Internacional da Muller na Biblioteca da sede central da UNED e, dende aquela, está a percorrer as distintas sedes que a universidade a distancia ten polo territorio estatal. Organizada polo Centro de Estudios de Xénero da UNED, esta actividade pon de manifesto o papel da muller e as súas aportacións, non sempre recoñecidas, á ciencia. Deste xeito, aparecen na mostra mulleres tan relevantes como Hypatia de Alejandría, María Winckelmann Kirch, Gabrielle Émilie du Châtelet, Carolina Lucretia Herschel, Wang Zhenyi, Martha Coston, Annie Jump, Marie Skolodowska Curie, Harriet Brooks, Lise Meitner, Edith Hinkley Quimby, Katharine Burr Blodgett, Cecilia Payne Herschel, María Goeppert Mayer, Chien Shiung Wu, Rosalind Franklin, Martha Jane Bergin Thomas e Jocelyn Bell Burnell.