Noticias

Carmela Silva fai balance dos plans de Reequilibrio e DepoRemse dotados con 26 millóns de euros "estamos a transformar por completo a provincia"

A presidenta da Deputación destaca que xunto ao Plan Concellos estas iniciativas "supoñen espazos e equipamentos que garanten os mesmos servizos á cidadanía, viva onde viva"


31 maio 2019
Rueda de prensa Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance esta mañá do Plan de Reequilibrio e do Plan DepoRemse que, xunto ao Plan Concellos, "están a transformar por completo a provincia de Pontevedra con espazos e equipamentos que garantan os mesmos servizos á cidadanía, viva onde viva". En total, ámbolos dous plans ascenden a 26 millóns de euros dos que se benefician 40 concellos da provincia de Pontevedra.

O Plan de Reequilibrio, dotado de 15 millóns de euros que se distribuíron entre 25 concellos "con bases serias, obxectivas, rigorosas e transparentes", supón a posta en marcha de piscinas; escolas de música; edificios de usos múltiples e auditorios; equipamentos sociocomunitarios e socioculturais; humanizacións, reurbanizacións e acondicionamentos de espazos públicos e remodelacións de instalacións deportivas e posta en marcha de novos espazos deportivos. "Son obras nos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Covelo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Meis, Mondariz, Moraña, As Neves, Nigrán, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Rodeiro, Silleda, Soutomaior e Vilaboa".

Por comarcas en Pontevedra están xa ao 100 % executadas a piscina pública municipal en Outeiro de Barro, a humanización da praza de España e do primeiro tramo da avenida de Vigo en Ponte Caldelas e a remodelación do Club de Piragüismo de Vilaboa. Na mesma comarca está executada ao 95 % a rehabilitación e ampliación do antigo mercado de Moraña para convertelo en edificio sociocultural. Ademais está executada ao 70 % o Centro de Estancia en Campo Lameiro e ao 50 % a edificación para escola de música, escola taller e outros usos municipais en Caldas de Reis.

Na comarca de Vigo e O Val Miñor está executada ao 100 % a reforma da praza da Paradela en Gondomar e a remodelación do campo de fútbol municipal de Arcade en Soutomaior. Ademais, ao 80 % atópase o módulo de atletismo do Porriño, ao 70 % a urbanización, ximnasio e pista de pádel de Fornelos de Montes e ao 40 % a nova biblioteca municipal de Nigrán.

Na comarca do Morrazo está xa executada ao 50 % a construción da piscina municipal cuberta en Bueu. No caso das comarcas de Terra de Montes e Deza o campo de fútbol de Bandeira en Silleda está xa executado ao 100 % e ao 95 % a reforma do albergue de Forcarei para ximnasio. Ademais, a mellora do pavillón polideportivo e ximnasio municipal de Rodeiro e a súa adaptación á normativa vixente está executada ao 75 %.

Pola súa banda nas comarcas do Condado e da Paradanta está executado ao 70 % o edificio polideportivo e pistas de pádel de Crecente e ao 60 % a mellora da accesibilidade e humanización da praza de Barcia de Mera en Covelo, a urbanización do parque central da Cañiza e a dotación de infraestruturas nos campos municipais de fútbol da Lagoa en Mondariz. No 40 % de execución atópase a ampliación do centro cultural de Rubiós nas Neves.

Na comarca do Salnés está executada ao 77 % a reforma e adecuación da praza de España do Mosteiro en Meis, ao 40 % a recuperación do espazo público de Pontecesures cara a ría e a rehabilitación das vivendas modernistas da Illa de Arousa para equipamentos socioculturais.  O equipamento do centro de activación cultural Torres do Oeste de Catoira atópase executado ao 30 % e o Auditorio e Escola de Música do Grove está xa completando os últimos pasos do procedemento administrativo para dar inicio ás obras.

En canto ao Plan DepoRemse, conta cunha dotación de 11 millóns que se distribuíron entre 31 concellos tamén en función de bases obxectivas. Deste xeito, son beneficiarios os concellos de Baiona, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Covelo, Crecente, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Meaño, Mondariz, Moaña, Moraña, As Neves, Poio, Ponteareas, Pontecesures, O Porriño, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Tomiño, Tui, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa, nos que se están a realizar proxectos para a mellora da accesibilidade; urbanizacións, reurbanizacións e peonalizacións; proxectos para mellorar a seguridade viaria e iniciativas para a mellora da mobilidade.

Por comarcas en Pontevedra están en execución a mellora da seguridade viaria en Barro, a mellora da mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos da Chan en Amil (Moraña) e a actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na Seara en Poio.  Ademais en fase de contratación atópase a peonalización da rúa José Antonio de Campo Lameiro e a remodelación e mellora da seguridade viaria do Polígono Industrial de Cuntis.

Nas comarcas de Vigo, O Val Miñor e O Baixo Miño están en fase de contratación o proxecto de mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta da Guarda e a mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da praza do Seixo en Tomiño. En fase de inicio do procedemento de contratación están a remodelación e dotación da praza da Igrexa e rúa das Escolas de Fornelos de Montes, a mellora da mobilidade e seguridade viaria na rúa Doantes de Sangue do Porriño, a mellora da seguridade viaria no núcleo da Torre en Páramos (Tui). Ademais, está pendente de iniciarse a obra de mellora da mobilidade e seguridade viaria na avenida Urbana de Sabarís en Baiona.

Pola súa banda na comarca do Morrazo está en fase de contratación a reurbanización integral da rúa a Pedra en Bueu e o proxecto de implantación (Moaña). Cangas ten pendente de iniciar o procedemento de contratación o proxecto de implantación do eixe de mobilidade amable e segura de interconexión dos centros urbanos da vila con Moaña.

Na comarca do Salnés está en execución a actuación de mellora da seguridade de varios viarios municipais en Catoira e a reforma da contorna do centro de saúde da Illa de Arousa. En fase de contratación atópase a mellora integral da mobilidade e seguridade viaria na contorna do recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa e pendente de iniciar o procedemento de contratación a remodelación e mellora na seguridade dos viarios da contorna dos centros educativos de Dena en Meaño así como a mellora da mobilidade e seguranza viaria en rúas de Pontecesures. Ademais, nesta comarca están pendentes de iniciarse as obras de proxecto de calmado de tráfico e mellora da accesibilidade no colexio Rosalía de Castro no Grove e a seguridade viaria nos accesos á gardería municipal, CPI Julia Becerra Malvar, Pavillón Polideportivo e Campo da Bouza en Ribadumia.

Pola súa banda as comarcas da Paradanta e O Condado teñen en fase de execución a mellora da seguridade viaria de Covelo, o proxecto de actuación integral para a mellora da mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro urbano e de equipamentos de Mondariz e o proxecto para a urbanización do antigo campo da Feira da Devesa en Salceda de Caselas. Pendente de iniciar o procedemento de contratación están actuacións en Crecente (mellora integral de mobilidade e accesibilidade en accesos ao CEIP, residencia da terceira idade e centro de saúde), Ponteareas (proxecto de reordenación e integración urbana da contorna da piscina e centro deportivo municipal) e Salvaterra de Miño (mellora da seguridade viaria mediante pasos peonís). Ademais atópanse pendente de iniciar as obras de mellora da seguridade viaria na rúa de Rosalía de Castro das Neves e as obras de mellora de seguridade viaria e humanización no entorno do CPI da Cañiza.

Finalmente, a comarca de Deza ten pendente de inicio dúas obras en Silleda (mellora da mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro de saúde e centro social de maiores) e Vila de Cruces (actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna do CEIP, gardería e polideportivo).

Audios

  • Audio