Noticias

Carmela Silva enxalza "o talento e valentía" das empresas que veñen de rematar a súa participación na II aceleradora de comercio da Deputación

A presidenta subliñou que dos dez proxectos participantes oito foron dirixidos por mulleres. "As mulleres estamos ocupando espazo, liderando iniciativas moi potentes que se corresponden coas novas demandas da cidadanía e teñen unha mirada sostible"


27 outubro 2021
II aceleradora de comercio da Deputación

Enxalzando o talento e valentía das persoas da provincia de Pontevedra, Carmela Silva vén de clausurar o II Programa de Aceleración de Empresas do Sector Comercio de SmartPeme no que participaron dez empresas dos concellos de Pontevedra, Lalín, Crecente, Meaño, Silleda, Vigo e Vilagarcía con iniciativas centradas na sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente. A presidenta da Deputación fixo fincapé en que, dos dez proxectos participantes, oito foron dirixidos por mulleres o que significa que "estamos ocupando espazo, estámonos convertendo en emprendedoras que ademais poñemos en marcha e lideramos iniciativas moi potentes e teñen unha mirada sostible".

No peche da 2ª edición da aceleradora, Carmela Silva remarcou as "interesantísimas propostas" das dez empresas. "Correspóndense coas novas demandas da cidadanía do século XXI-detallou- moi vinculadas a unha nova forma de facer negocio onde as persoas, a sustentabilidade, o respecto ao medio ambiente e o produto de proximidade importan".

Tamén agradeceu a súa valentía: "son moi consciente do difícil que é poñer unha empresa en marcha, dos riscos que se corren, pero o mundo cámbiase dende estes proxectos de actividade económica que xeran emprego e a xente que se atreve a facelo é xente da que nos temos que sentir moi orgullosas e orgullosos". E recordou o "complexo e complicado" momento que viviu o sector comercio durante o confinamento: "se hoxe as empresas se manteñen é porque hai persoas detrás delas que non se reden nunca, que empregaron ese tempo para mellorar, manter ese comercio, formarse e ampliar os seus negocios".

A presidenta tamén nomeou a todos e cada un dos dez proxectos participantes na segunda edición da aceleradora entre os que se atopaban AK (Antonina Kadrova, de Vigo), que elabora produtos artesanais de marroquinería; Arual Ecology (Laura Carro, de Vilagarcía), empresa de roupa sustentable que emprega tecidos ecolóxicos ou reciclados; María Ángeles Vázquez (de Pontevedra), dedicada á venda de roupa de deseño de muller con deseños propios; Trees Ecosistemas (Mar Panela, de Crecente), centrada no deseño dos lugares que habitamos considerando cada espazo como un ecosistema; Herbolario Bio (José Alberto López, de Silleda), marca de cosmética natural especializada na comercialización de produtos online de cosmética con ingredientes da horta; Cibertopía (Fermín González, de Pontevedra), comercializa produtos tecnolóxicos e ofrece asesoría e formación en tecnoloxías da información; Produhostel (Mónica Silva, de Meaño), dedicada á distribución de produtos para a hostalaría e a industria; Namaskar (Cristina Barreiro, de Lalín), plataforma online que ofrece ferramentas multidisciplinares para as persoas que buscan priorizar a súa saúde a nivel físico e emocional; Mel e Canela (Raquel Fernández, de Lalín), tenda de comercio de proximidade, consciente, ético e respectuosa que oferta produtos de calidade e quilómetro cero; e Mimobooks (Goretti Cabido, Pontevedra), dedicada á confección de fundas de libros acolchadas e outros complementos infantís.

Nesta 2ª edición as empresas recibiron formación especializada para optimizar os seus proxectos e/ou comezar a súa andaina. Deste xeito, e da man de SmartPeme a quen a presidenta provincial felicitou polo seu "extraordinario traballo e enorme compromiso", recibiron formación durante catro meses sobre competitividade, imaxe dixital, canvas, comercio online, sustentabilidade, redes sociais e finanzas para adquirir coñecementos e técnicas para mellorar a planificación e desenvolvemento das iniciativas emprendedoras, lanzar as súas tendas online, crear as súas propias webs ou mellorar o posicionamento. Así, entre as cuestións que destacaron as empresas citaron a mellora da súa identidade corporativa, a posta en marcha de estratexias de contidos, a segmentación mercados, o desenvolvemento web e optimización da presenza en redes sociais, a elaboración de plans de empresa, a apertura de novos mercados, a mellora das súas estratexias de comunicación, a análise da competencia para seguir as tendencias do mercado, o deseño de catálogos, a promoción de showrooms, a creación de newsletters e a incorporación de iniciativas para impulsar a sustentabilidade nos seus proxectos a través de diferentes accións.

A aceleradora de comercio da Deputación, na que xa participaron vinte empresas nas súas dúas primeiras edicións, impúlsase a través de SmartPeme que permite, tal e como explicou a presidenta, "que as TIC, que este novo mundo dixital poida ser algo absolutamente normalizado entre as pemes, persoas autónomas e emprendedoras, a través de formación de altísima calidade e cun trato moi humano". Carmela Silva fixo fincapé en que para a Deputación "este programa SmartPeme que levamos impulsando dende hai seis anos é dos máis importantes que temos en marcha, xa que se centra na transformación dixital, unha das liñas prioritarias do Goerno de España e da Unión Europea, algo para nós  moi relevante".

Fotos

Vídeos