Noticias

Carmela Silva enxalza no peche do quinto coworking de Barro a capacidade de resposta dos proxectos emprendedores ás novas demandas sociais

Participaron 20 proxectos, 11 liderados por mulleres, o que amosa, en palabras da presidenta, que "temos un inmenso talento" e "somos unhas máquinas"


28 xullo 2020
Quinta edición do Demoday

A quinta edición do coworking de Barro, impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) baixo o lema "Apostando por un futuro sostible en 2030", chegou hoxe á súa fin coa xornada Demoday, na que se presentaron as 20 iniciativas emprendedoras participantes no programa. No acto, conducido polo xornalista, Luis Fraga, e no que tamén participaron o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández e, telematicamente, a directora xeral da EOI, Nieves Olivera, a presidenta provincial, Carmela Silva, enxalzou a capacidade de resposta dos proxectos emprendedores, centrados na sustentabilidade, tecnoloxía e nos principais sectores produtivos da provincia, ás novas demandas sociais, así como o liderado feminino, que amosa que "as mulleres temos un inmenso talento" e "somos unhas máquinas".

En total participaron no quinto coworking de Barro 20 proxectos emprendedores dos que 11 foron liderados por mulleres. "Encántame que sexamos emprendedoras porque somos o 60 % das tituladas universitarias, temos as mellores notas e, sen embargo, queda por dar ese paso de empoderarnos e poñer en marcha os nosos proxectos. Hoxe estamos decididas a facelo", destacou a presidenta provincial quen tamén enxalzou, ao igual que o fixo tamén a directora da EOI, Nieves Olivera, o optimismo como motor para "cambiar o mundo".

Pola súa banda, a directora xeral da EOI, Nieves Olivera, destacou a importancia de "apostar pola transformación dixital e acostumarse á contorna virtual, á tecnoloxía e á formación en liña, para poder adaptarse ao novo escenario". Neste eido Olivera destacou a necesidade de "estar preparadas e preparados para traballar e desenvolverse en contornas con transformacións constantes" e animou ás persoas participantes a continuar no camiño do emprendemento: "sodes propietarias do voso futuro, tendes demostrado ser valentes e agardo que, tralo voso paso polo coworking, a vosa seguridade e confianza teña crecido ou se teña afianzado máis".

A presidenta da Deputación tamén puxo en valor ao equipo de traballo do coworking, liderado pola mentora Carmen Costas, que tiveron que adaptar a formación presencial, ideada nun primeiro momento ao igual que nas anteriores edicións, para reconvertela en telemática debido á Covid-19. "Funcionou moi ben –destacou Carmela Silva– e estou encantada co compromiso de todas e todos as e os participantes. Pareceume que, despois de todos estes meses de traballo a distancia para desenvolver as vosas ideas e proxectos, moitos deles xa funcionando e facturando, tiñamos que facer unha Demoday presencial xa que aínda que o telemático chegou para quedarse, o presencial, as relacións humanas, teñen moito máis valor".  

No carácter presencial da Demoday tamén incidiu o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, quen asegurou que "vós tamén merecedes rematar estes meses duros de traballo da maneira que se fixo coas outras edicións do coworking". Ademais, o alcalde enxalzou o papel da Deputación de Pontevedra e da EOI "axudándovos a afrontar as vosas ilusións e proxectos de futuro a través da formación, con espazos, como este de Barro, para que todas e todos teñades moitas máis oportunidades".

Na quinta edición do coworking de Barro, que acaba de rematar co Demoday, participaron proxectos empresariais en fase temperá de desenvolvemento, co obxectivo de aumentar as súas posibilidades de éxito a través dun programa de asesoramento personalizado que incluíu formación grupal e titorías individuais a distancia. Deste xeito na xornada presentáronse todas as iniciativas participantes entre as que se atopan Terracans, de Noelia Prieto, unha residencia canina para gozar de "vacacións divertidas"; Galinsecta, de Manuel Ángel Gil e Héctor Fernández, dedicada á cría de insectos para a produción de ingredientes orgánicos de alta calidade para alimentación animal; Shell Panel, de Joaquín Domínguez, centrada no deseño e fabricación de paneis para revestimentos de paredes feitos con residuos da industria pesqueira; EspacioMas, de César Caldera, que fabrica kit´s para a montaxe dun espazo adicional para o gozo; HomeQube, de Juan Alfonsín, que presta servizos domóticos para o fogar intelixente; Abella Procuradores, de Dolores Abella, centrada na sustentabilidade; Datasight Consulting, de Laureano Pérez, consultaría de negocio para pemes orientada á transformación dixital; Meigas de Brigantia, de Abel Augusto, centrada no desenvolvemento de xogos narrativos; Eva Fandiño, de Eva Pena, que elabora ilustracións minimalistas; Del+Granero Creativo, de Pilar Delmas, coworking dirixido a persoas artistas e creadoras; Recunchos, de Verónica García, axencia de viaxes especializada en visitas e rutas guiadas; Patri Menduiña Turismo+Patrimonio, de Patricia Novas, centrada no asesoramento, acompañamento e deseño de produtos turísticos; Turismo de Historias, de Silvia Cernadas, empresa de rutas turísticas e actividades de formación baseadas na investigación histórica; María Biembica Abogada, de María Biempica, empresa que presta asesoramento xurídico para o sector turístico; Galicia Legens, de Silvia Sancho, centrada nos contidos visuais especializados na cultura etnográfica; Entrenar desde 0, de Daniel Oliveira, unha aplicación de exercicio físico, nutrición e hábitos saudables; Moliabo, de Ángel Vidal, empresa dedicada ao adestramento deportivo especializado en fútbol; Garden Yoga, de Bernardo Gamallo, escola virtual e presencial de ioga e meditación tibetanos; Artesa Saudable, de Sonia Iglesias, proxecto dedicado a impartir cursos e obradoiros de alimentación saudable e sostible e Maremonte, de Sandra viñas, empresa de patés de cogomelos e setas das Rías Baixas.

Fotos

Vídeos