Noticias

Carmela Silva enxalza a aposta do Concello de Cambados pola igualdade na Festa do Albariño "máis feminina da historia"

A presidenta da Deputación felicita ao Goberno local por apostar, por primeira vez, por unha muller cambadesa para a lectura do pregón e por outra muller para o discurso do xantar do Albariño


01 agosto 2018
Festa do Albariño

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, inauguraron esta mañá a LXVI Festa do Viño Albariño que este ano presenta a súa edición "máis feminina da historia". Neste eido, Silva puxo en valor a aposta do Goberno local de Cambados por poñer en marcha iniciativas para promover a igualdade entre mulleres e homes, loitar contra as violencias machistas, apostar pola sustentabilidade e acadar a excelencia para converterse "estou segura que moi pronto en festa de interese turístico internacional".

Carmela silva destacou o carácter da festa "que fala do que somos nós, do que son as Rías Baixas, a provincia de Pontevedra e Cambados. Podemos presumir, sen medo a que ninguén diga que somos excesivamente presumidas e presumidos, que temos o mellor viño branco do mundo, un viño cada vez máis recoñecido e internacionalizado e que é protagonista desta festa en Cambados".

A presidenta provincial afirmou que "este ano a festa ademais de ser extraordinaria fai unha importante aposta pola igualdade". Neste eido, Carmela Silva felicitou á alcaldesa por decidir que por vez primeira unha muller cambadesa, Merchi Álvarez, fai lectura do pregón e tamén por vez primeira unha muller, Menchu Lamas, encargarase do discurso do xantar do Albariño.

Ademais, a presidenta da Deputación destacou a incorporación dun punto morado durante os festexos para loitar contra as agresións sexuais que sofren as mulleres e a aposta pola sustentabilidade. Neste aspecto, a Deputación de Pontevedra dispuxo durante a festa un stand da campaña "Somos historias, somos sostibles", desde o que se vai dinamizar e concienciar á poboación para preservar e coidar o Medio Ambiente.

Pola súa banda, Fátima Abal puxo en valor o ambiente da festa e animou á xente a que se achegue estes días a Cambados a gozar da ampla oferta cultural, musical, vitivinícola e gastronómica da vila.

Este ano Cambados acolle a edición número sesenta e seis da Festa do Albariño, unha das festas decanas na honra dun viño de España. No ano 1977 foi declarada de interese turístico galego e no 1990 de interese turístico nacional e actualmente aspira á catalogación de festa de interese turístico internacional. Para este ano o concello ten preparada unha ampla oferta lúdica, cultural e musical, que completa as degustacións de viño Albariño e da gastronomía típica das Rías Baixas.

Galería de fotos

Fotos