Noticias

Carmela Silva en Salceda: "as mulleres estamos fartas de minutos de silencio. Queremos falar alto e claro e berrar que basta xa de violencia e de machismo"

A presidenta provincial amosou a súa "indignación e carraxe" polo asasinato de Laura Luelmo. "Cada nova vítima é un duro golpe que nos deixa fondas feridas como sociedade"


18 decembro 2018
Violencia zero. Salceda de Caselas

O nome de Laura Luelmo, a moza asasinada en El Campillo, foi esta mañá protagonista en Salceda de Caselas na intervención da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que fixo unha rotunda apelación contra as violencias sobre as mulleres e un berro de profunda carraxe contra o machismo, antes da acción artística de "Mulleres en acción. Violencia Zero".

Silva confesou que "hoxe estou enfadada, indignada, cabreada, farta, ata as narices do machismo. Fartas de ter medo, fartas de non poder saír á rúa pola soas, fartas de non poder coller o noso chándal e as nosas deportivas e ir correr onde nos pete, fartas de ter que pedir q alguén nos acompañe, fartas de que en calquera lugar pode aparecer un machista e rematar coa nosa vida". Así se manifestou a presidenta para mostrar a súa indignación e carraxe ante o asasinato da profesora Laura Luelmo, "por iso hoxe non queremos minuto de silencio. Estamos fartas de minutos de silencio. Queremos falar alto e claro e berrar que basta xa de machismo. Cada nova muller asasinada ou maltratada é un duro golpe que nos deixa fondas feridas como sociedade".

A presidenta provincial aproveitou tamén para lanzar unha mensaxe rotunda aos partidos que falan de derrogar a lei contra as violencias machistas. "Non teñen cabida na democracia. Non só non hai que derrogar, senón que o que temos que facer é reforzala, que se modifique para que garanta aínda máis os dereitos das mulleres que sofren as violencias machistas dende que nacen ata que morren ou as matan". Silva engadiu que a eses partidos só vale dicirlles que o feminismo é a única filosofía posible para construír un mundo real de igualdade, "a eses partidos eu só lles digo que son cómplices do que nos acontece ás mulleres porque cuestionan o feminismo e ás feministas, porque esta é a única filosofía que vai conseguir un mundo onde as mulleres non esteamos fartas de ter medo".

Aínda así, Carmela Silva quixo rematar o acto de Salceda mantendo unha ollada optimista, "imos rematar co machismo. Imos facelo por Laura e por tantas mulleres que sofren violencia. Por todas elas imos gañar esta batalla da igualdade". A presidenta explicou que o mural realizado hoxe en Salceda de Caselas fala precisamente disto, "da necesidade de que haxa moitas mans que nos coiden e que coiden a sociedade, que coiden ao 52 por cento da poboación que somos as mulleres, que hoxe máis que nunca berramos alto e claro que basta xa".

Pola súa banda, o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, coincidiu na súa indignación e carraxe e apostou pola "alianza entre homes e mulleres, utilizando a intelixencia, para ir gañando espazos a favor da igualdade. É o momento de que non deamos nin un só paso atrás, tal e como veñen proclamando ultimamente moitas asociacións políticas".

A presidenta da Deputación e o alcalde de Salceda de Caselas participaron esta mañá na cuarta acción artística da cuarta edición do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero". No túnel do Parque Raíña Aragonta, a artista Iria Fafián desenvolveu o mural "O xardín é de todas", que representa unha imaxe de liberación, de autocoidado e de mantemento dun ben colectivo, "un xardín que entre todas e todos hai que coidar". A obra componse dunhas mans de muller cunha tesoira liberando, dunha maraña de espiños, outras mans que están rodeadas destes, envolvéndolles os brazos.


Novas relacionadas

Mulleres en Acción Violencia Zero

17 decembro 2018, igualdade, salceda de caselas, violencia zero, mulleres en acción