Noticias

Carmela Silva, elixida como membro permanente da Comisión de Deputacións da FEMP para impulsar políticas de reforzo da autonomía local

A Deputación de Pontevedra lidera a achega de propostas ao Plan de Traballo para loitar por un financiamento local con criterios obxectivos antes do 2025, aclarar as competencias sobre emerxencias, afrontar o reto demográfico e coordinar a loita a prol da igualdade


09 marzo 2020
Comisión de Deputacións da FEMP

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, será parte da nova formación permanente da Comisión de Deputacións da FEMP, constituída esta mañá en Barcelona no seo da Comisión de Deputacións, Consellos e Cabidos Insulares da Federación Española de Municipios y Provincias, formada polas 49 presidentas e presidentes de toda España. A comisión permanente está integrada por só 14 membros e ten como obxectivo impulsar políticas de reforzo da autonomía local desde este órgano reducido de traballo e asesoramento interno.

O primeiro acordo adoptado pola Comisión de Deputacións da FEMP foi a aprobación dun ambicioso Plan de Traballo no que quedaron integradas sete das propostas realizadas desde a Deputación de Pontevedra, da que máis achegas se aceptaron tras o período de consultas previas. Catro das propostas formuladas por Carmela Silva incorporáronse de xeito literal e outras tres encadráronse na programación xenérica por coincidir coas doutras deputacións españolas. Este é un importante paso para levar as políticas públicas que xa forman parte da axenda da Deputación de Pontevedra ata a Comisión de Deputacións, Consellos e Cabidos.

A primeira proposta que pasou a formar parte do Plan de Traballo refírese ao financiamento local, para o que se marcou o obxectivo de que, no ano 2025, todos os fondos que se acheguen aos concellos se repartan con criterios obxectivos e transparentes. Un obxectivo que, segundo defendeu Carmela Silva, debe esixírselles non só ás deputacións, consellos e cabidos, senón tamén aos gobernos autonómicos. A Deputación de Pontevedra xa se adiantou a este obxectivo co modelo do Plan Concellos e, a día de hoxe, é o ente provincial que máis recursos lles transfire aos seus municipios en toda España, superando o 30 % do seu Orzamento total; moi por enriba da media estatal, situada no 16 %.

A segunda proposta formulada por Silva ten relación coa xestión das emerxencias e a eliminación das "zonas de sombra", pois a Deputación de Pontevedra puxo sobre a mesa a necesidade de realizar un estudo a nivel estatal por parte da FEMP para harmonizar as competencias neste eido. En terceiro lugar, o Plan de Traballo da Comisión de Deputacións incluirá a realización dun estudo sobre a posibilidade de captar fondos europeos específicos para loitar contra o despoboamento rural "dun xeito eficaz e para garantir que as axudas poidan chegar aos territorios máis afectados pola perda de poboación". Finalmente, aceptouse de xeito integral a idea de crear un banco de experiencias provinciais por áreas de xestión para o establecemento dun compromiso sólido a prol da igualdade. Deste xeito, as deputacións, consellos e cabidos quedan comprometidos a loitar contra a violencia de xénero e a publicar as boas prácticas que se desenvolven en todos os territorios a modo de guía e exemplo. Ademais, no marco desta proposta, acordouse elaborar unha guía de actividades que sirva de referencia para os concellos máis pequenos.

Durante a súa intervención Carmela Silva aludiu á "diverxencia normativa entre as distintas comunidades autónomas en materia de emerxencias". Así, tras remarcar a preocupación da Deputación de Pontevedra por este eido, resaltou que "en moitas ocasións, as comunidades autónomas aproban normativas, como ocorre coa Xunta de Galicia, que obrigan as administracións locais a destinarlles recursos a competencias autonómicas que son exclusivísimas", polo que avogou por unha estratexia común desde o mundo local para acadar a necesaria harmonización.

Alén diso, a presidenta provincial destacou a decisiva contribución da Administración local cara ao cumprimento da Axenda 2030 e os ODS. "Todas e todos somos moi conscientes de que seremos quen de cumprilos se o mundo local lle dedica recursos, pero hai moitas demandas novas que derivan deses obxectivos, coma o despoboamento rural, ás que lles debemos prestar atención". Neste sentido advertiu de que a Unión Europea debe reflexionar sobre o xeito no que distribúe os próximos fondos europeos e reclamou que estes "lles cheguen ás Deputacións para que poidan acabar nos pequenos concellos, que carecen de capacidade". Por outra banda, xa dun xeito xenérico, ao coincidir coas propostas realizadas por outras deputacións, aceptáronse outras tres suxestións formuladas desde a Deputación de Pontevedra para poñer en práctica a Axenda 2030 como obxectivo central de todas as deputacións, establecer marcos de colaboración contra o cambio climático e traballar pola visibilidade das deputacións, de xeito que deixen de ser "as grandes descoñecidas da complexa arquitectura institucional española".

A Comisión de Deputacións, constituída hoxe en Barcelona, é a máis numerosa da FEMP e tamén a máis transversal, pois celebra xuntanzas periódicas co resto das comisións. Ademais, mantén unha axenda propia, con xuntanzas cos diferentes ministros do Goberno de España. A Federación está composta polas presidentas e presidentes das 38 deputacións provinciais, dos 4 consellos e dos 7 cabidos insulares de España.