Noticias

Carmela Silva e o alcalde José Cacabelos inauguran desde o mar o cruceiro marítimo do Grove na ruta da Traslatio

A presidenta da Deputación de Pontevedra e o rexedor meco firmaron previamente un convenio de colaboración para a Festa do Marisco


04 setembro 2017
cruceiro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o alcalde do Grove, José Cacabelos, inauguraron hoxe o cruceiro marítimo instalado nunha rocha sobre o mar na ruta marítima do mar de Arousa e a ruta terrestre do Padre Sarmiento na zona de Cantodorxo.

Carmela Silva subliñou que se trataba "dun momento máximo" ao estar en medio da ría de Arousa "dunha beleza espectacular" e ante unha obra "que realmente emociona". A presidenta destacou que esta obra escultórica "fala do que somos os galegos e galegas. Somos auga e pedra. Este cruceiro, do cal quero felicitar ao seu autor Francisco Pazos, nos recorda a eses cruceiros seculares da nosa terra".

A comitiva, na que se atopaban as concelleiras de Turismo, Emma Torres, e a de Obras, Ángeles Domínguez, o deputado de Turismo, Santos Héctor, entre outras autoridades, e o párroco, que procedeu a bendición do cruceiro, partiu desde o porto do Grove ata Cantodorxo a bordo dun barco rápido, nunha das novas iniciativas turísticas con que conta a localidade meca.

Para Silva "foi unha grande idea que o Concello do Grove decidira instalar aquí o cruceiro porque permitirá reivindicar á Xunta que esta sexa unha da rutas oficiais da ruta da Traslatio na ría de Arousa e que ademais servirá para recuperar un espazo para o uso público".

O cruceiro está esculpido en granito galego, de canteiras do Salnés, e consta de chanzos cadrados se ornamentación, un capitel sinxelo onde se sitúa a cruz. Nel están por un lado o Cristo e por outro a virxe do Carme, con rostros parecidos entre si, amosando o seu parentesco. De feito, o alcalde José Cacabelos explicou que cruceiro está instalado á inversa do que é habitual. "A virxe do Carme está mirando o mar, que é o camiño principal da ruta marítima, cando o normal sería que fora o Cristo", destacou Cacabelos.

Para a presidenta da Deputación a colocación deste cruceiro suporá poñer O Grove nunha das rutas dun tipo de turismo que cada día está máis en auxe.

Silva subliñou ademais que a peza de granito era dun gran beleza feita por un escultor, nado en Meaño e que estivera formado na Escola de Cantería da Deputación, "onde deu clase desde 1.991 ate o ano 2.000 e que Francisco Pazos é un grande escultor que ten feitas exposicións en todo o mundo".

Previamente a saída en barco para inaugurar e bendecir o cruceiro, a presidenta da Deputación e o alcalde do Grove, asinaron no concello un convenio de colaboración para a organización de diversas actividades tradicionais na Festa do Marisco.  

Carmela Silva subliñou, tras a firma do convenio, que o "goberno municipal do Grove está logrando que os soños empecen a ser realidades convertendo a súa localidade nunha referencia a moitos niveis, cultural, histórico da súa economía e polo seu turismo de calidade que ademais aposta moi seriamente pola desestacionalización".

De feito, a presidenta destacou que a ocupación no Grove foi do noventa por cento, pero que estas cifras vanse repetir nos meses de setembro e outubro.

A cita da Festa do Marisco vai contribuír a esa alta ocupación turística "porque o que acontece no Grove desde fai 54 anos e algo extraordinario. Coido que é hora de que todas as administracións apostemos porque a festa sexa declarada de carácter internacional, porque cada ano recibe xente de todo o mundo".  Precisamente esta atractivo turístico que con leva a Festa do Marisco supón que toda a provincia reciba turistas "nun mes no que tradicionalmente non é moi bo para o turismo", salientou Silva.

Por último, a presidenta subliñou a aposta que fai a Festa do Marisco por potenciar os produtos da ría de Arousa, añadendo novas preparacións como nesta edición é o caso do choco. "Cada anos máis produtos e máis preparacións para que degusten os nosos visitantes. A nosa riqueza gastronómica do mar a disposición para que os visitantes a proben".

O convenio asinado entre os dous mandatarios supón unha subvención de seis mil euros, a mesma cantidade que todas as festas declaradas de interese nacional da provincia, que servirá para financiar actuacións de grupos de música tradicional, a saída dos Marisquiños ou a tradicional Noite Meiga do Grove.

Fotos