Noticias

Carmela Silva e Félix Juncal colocan a primeira pedra da piscina municipal cuberta de Bueu, a infraestrutura máis esperada pola veciñanza da vila do Morrazo

A presidenta da Deputación falou dun "día moi feliz porque na política tamén estamos para poder cumprir os soños da veciñanza e a piscina de Bueu é un soño compartido"


15 decembro 2018
Primeira pedra piscina Bueu

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, e ao deputado provincial, Xosé Leal, colocaron esta mañá a primeira pedra para a construción da piscina municipal cuberta, financiada practicamente na súa totalidade pola institución provincial con achegas de 1.500.000 euros do Plan de Reequilibrio e 1.250.617,62 euros a través do Plan Concellos, dun investimento total de 2.798.911,96 euros.

A piscina cuberta de Bueu é a infraestrutura máis esperada na vila do Morrazo e unha das prioridades do concello desde hai máis de dez anos. O acto contou esta mañá coa proxección dun audiovisual coas imaxes da futura piscina e coas explicacións técnicas da obra, e cunha cápsula do tempo na que a presidenta provincial, alcalde e deputado deixaron nunha hurna os xornais do día e un almanaque de igualdade elaborado polo alumnado de centros educativos.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, manifestou a súa emoción "nun dia que marca un antes e un despois porque eu creo profundamente en que a política non so é xestión, tamén é garantir dereitos, escoitar a demanda da veciñanza e cumprir os seus soños". "Estamos a falar, dixo Silva, dun soño compartido ata agora imposible debido á insensibilidade de administracións que non entenderon que os recursos non son patrimonio de quen as gobernan, son o instrumento que ten a xente para que eses soños se convertan en realidades". A presidenta provincial engadiu que "xestionamos os seus recursos para garantir a igualdade". Carmela Silva defendeu que "somos a administración que mais esta a investir na provincia porque as obras que se están a facer levan o nome da Deputación". Neste sentido, a presidenta provincial fixo un chamamento á Xunta de Galicia para "que invistan nunha provincia que é o motor de Galicia e porque os investimentos manteñen a economía, as empresas e o emprego"

Pola súa banda o alcalde de Bueu, Félix Juncal, agradeceu a aposta do Goberno da Deputación do que dixo "está a marcar unha nova forma de facer política e dirixir as institucións. Eu estarei sempre agradecido como alcalde e en nome do pobo de Bueu xa que este é un día importante porque é o día soñado por todas e todos. Sabiamos que era un gran reto facelo realidade, dixo o alcalde, pero agora témolo. Esta obra é o resultado dun soño colectivo compartido por moita xente da vila desde hai moitísimos anos".

As obras da piscina cuberta comezaron fai dous meses e actualmente se atopan na fase de cimentación. Está situada nas Lagoas e o seu edificio está proxectado en tres alturas. Ademais da piscina, que contará cun vaso de 25 metros por 15 e ata seis calles, este novo espazo disporá de salas para actividades deportivas dirixidas, ludoteca e ata un espazo acondicionado para ver o interior da piscina. Ademais, o proxecto foi elaborado sobre a base do aforro enerxético para reducir os custes de explotación e contará con medidas de eficiencia enerxética como placas fotovoltaicas, paneis captadores orientados ao sol para absorber enerxía solar.

6,7 millóns de euros de investimentos en Bueu

O Goberno de Carmela Silva destinou a Bueu máis de 6,7 millóns de euros nos tres anos e medio de mandato na Deputación de Pontevedra, sendo o maior investimento na historia da institución provincial neste Concello do Morrazo e o maior que fixo ningunha outra administración. Só co Plan Concellos, a Deputación financiou ata 11 proxectos no municipio por case dous millóns e medio de euros. Ademais, a institución provincial xa adxudicou o 100 % dos investimentos solicitados por Bueu ao abeiro do Plan Concellos deste ano 2018, polo cal tivo á súa disposición case un millón e medio de euros, un 76,17 % máis que no 2017.

Este ano a vila do Morrazo destinou a totalidade da liña 1 do Plan Concellos á piscina municipal cuberta de Bueu pero, coas achegas doutros anos, financiou actuacións como luminarias para mellorar a eficiencia enerxética no casco urbano e no polígono industrial de Castiñeiras; a pavimentación de camiños municipais en Meáns, Morada-Meiro, Sar e Couto; a restauración do estaleiro de Banda do Río; a ampliación da rede de saneamento entre Castrelo e Pousada Cela; obras de mellora nos cemiterios municipais de Bueu e Cela; a mellora da praza de Massó; a instalación de áreas de xogos infantís adaptadas e inclusivas, áreas biosaudables e áreas de skate park; así como mobiliario xeral para o servizo de actividades municipais.