Noticias

Carmela Silva e Abel Caballero inauguran en Bouzas o renovado Baltasar Pujales, no que a Deputación investiu preto de 370.000 euros

A actuación enmárcase no convenio entre Deputación e concello para a mellora das instalacións deportivas, cun orzamento de preto de 9,5 millóns de euros


01 setembro 2019
Inauguran en Bouzas o renovado Baltasar Pujales

Coa descuberta dunha placa conmemorativa, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, inauguraron este domingo o renovado campo de fútbol Baltasar Pujales, en Bouzas, nun acto previo ao partido entre o Rápido e o Choco de Redondela. Cun investimento total de 367.365,75 euros, a actuación desenvolvida, que supón novo céspede entre outras moitas melloras, enmárcase no convenio de colaboración entre Deputación e Concello de Vigo para a renovación de instalacións deportivas da cidade, cuxo orzamento total ascende a preto de 9,5 millóns de euros.

Na súa intervención, Carmela Silva quixo subliñar "a felicidade dun día como este no que podemos celebrar unha reforma necesaria para un campo dun dos equipos con máis traxectoria de Vigo, o Rápido, un equipo senlleiro que merece poder xogar nas mellores condicións". A presidenta provincial tamén puxo en valor as obras de renovación que se están a facer noutros campos municipais da cidade e desexou ao Rápido de Bouzas "que moi pronto volva estar onde merece, que é no top, no máis alto".

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceulle á Deputación "obras como estas, que mostran o seu compromiso coa cidade" e revalidou o apoio do concello "ao Rápido, con case un século de historia, e ás veciñas e veciños de Bouzas".

En liñas xerais, a actuación desenvolvida no Baltasar Pujales consistiu na mellora do terreo de xogo coa substitución da herba sintética do campo; na mellora dos sistemas de iluminación; na substitución do sistema de xeración de auga quente por caldeira ecolóxica de biomasa e no aproveitamento de enerxías renovables mediante sistemas de xeración de auga quente con enerxía solar.

A través deste convenio entre Deputación e Concello, cun orzamento superior aos 9,5 millóns dos euros, ademais da reforma do Baltasar Pujales tamén se inaugurou o renovado campo da Bouza e xa están rematados os de Navia, Meixueiro e Candeán. Tamén foron adxudicadas as obras para os campos de Monte da Mina, Santo André de Comesaña e Sárdoma, están a piques de se licitar os da Guía e Fragoselo e atópase en fase de redacción o proxecto do campo do Vao. Xunto cos campos municipais, a través do convenio entre a Deputación e o concello de Vigo tamén se construíu o novo pavillón deportivo cuberto en Romil e estanse a executar outras infraestruturas na cidade, como o pavillón cuberto de Quirós en Sárdoma.

Fotos