Noticias

Carmela Silva destaca o seu apoio ao mundo do agro na sinatura de tres convenios con agrupacións leiteiras, frutícolas e de produtos da horta da provincia

As tres entidades realizarán actividades formativas entre o seus socios para acadar produtos ecolóxicos e a máxima calidade


15 marzo 2017
Convenios

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou hoxe o seu máximo apoio ao mundo do agro e rural da provincia na firma de tres convenios con asociacións leiteiras, de produtores de mazá e de horta.

Silva destacou que temos na provincia uns produtos do noso agro de máxima calidade, que deben recibir todo o apoio das administracións públicas, xa que "esta provincia é unha potencia no sector primario; dende este goberno provincial creemos que tanto o sector agrario coma pesqueiro de Pontevedra ten moito futuro porque pode competir con calquera outro produto de calquera parte do mundo".

Silva recordou que a través do convenio coa Unión Leiteira Galega levarase a cabo un programa formativo sobre a produción ecolóxica de leite na provincia de Pontevedra. O obxectivo do proceso formativo será diversificar a actividade das explotacións de leite cara a sistemas de produción ecolóxica, co fin de facilitar o coñecemento dos produtores sobre o procedemento a seguir para conseguir a certificación en leite ecolóxico.

A través do convenio coa ADF Maceiras de Tabeirós levarase a cabo un programa formativo sobre a produción ecolóxica da mazá na provincia de Pontevedra para conseguir a profesionalización deste sector, que está inmerso nun proceso de expansión, e para achegarlles aos produtores ás novas técnicas de cultivo e facelos máis competitivos nos mercados.

O último convenio é coa ADF do Salnés para levar a cabo un programa formativo sobre produción ecolóxica e agricultura integrada, co fin de dinamizar a horticultura na provincia de Pontevedra.

A presidenta mostrouse moi satisfeita pola firma destes tres convenios co sector primario da provincia, "para que poidan ter recursos para mellorar as súas producións e a calidade dos seus produtos, porque todos temos que agradecer o traballo que fan as persoas no sector primario por manter o noso tecido agrario na provincia".

Pola súa banda, José Benito Vence, de ULEGA, agradeceulle á Deputación este convenio que lles axudará aos produtores da provincia a coñecer as posibilidades que o leite ecolóxico ten no mercado e, sobre todo, a mellorar as súas producións.

Tamén José Antonio López, presidente da Agrupación para a Defensa Fitosanitaria (ADF) Maceiras de Tabeirós, mostrou tamén a súa satisfacción polo convenio e porque por primeira vez desde a Deputación se fai algo polo sector da mazá da provincia, do cal destacou que ten un gran potencial para poder diversificar outro tipo de actividades gandeiras e agrícolas.

Por último, a presidenta da Agrupación para a Defensa Fitosanitaria (ADF) Amigos do Salnés, Lucía Chaves Aragunde, agradeceu este convenio por parte da Deputación que servirá para mellorar as producións agrícolas dos seus asociados.


Novas relacionadas