Noticias

Carmela Silva destaca o "gran talento e o papel clave da mocidade da provincia na loita contra o cambio climático"

Unha moza de Pontevedra, un rapaz de Marín e alumnado do colexio Marcote de Vigo gañan a segunda edición dos Premios Provinciais Reacción polo Clima


30 xullo 2021
Rolda de prensa presidenta

A denuncia sobre os danos aos nosos recursos naturais, a lección da traxedia da pandemia da COVID-19 que debe de servir de aprendizaxe, e a concienciación do impacto da contaminación no planeta con novos formatos e en clave de rap. Son as reflexións dos tres traballos audiovisuais que este ano logran os premios da segunda edición de Reacción polo Clima que promove a Deputación co obxectivo de implicar a mocidade da provincia na defensa do medio ambiente e na loita contra o cambio climático. A presidenta, Carmela Silva, deu a coñecer os vídeos gañadores e mostrou o seu orgullo polo gran nivel dos audiovisuais presentados e polo "gran compromiso" da xente máis nova, que son capaces de facer vídeos de tanta calidade e cun contido tan potente. Deixan claro que si que hai futuro e si que temos unha mocidade que ten futuro".

Lara Cores, de 23 anos, de Pontevedra, alzouse co primeiro premio, dotado con 2.400 euros, co traballo titulado Adeus ríos, Adeus fontes, unha peza que, como apuntou a presidenta, "nos serve de recordatorio para non esquecer como debemos actuar para manter a nosa Galicia e non estragala". O xurado valorou a escolla da autora de expoñer os danos da contaminación en Galicia nunha peza que creouse coa música do grupo Baiuca, poemas e lírica galega e imaxes da nosa paisaxe.

O segundo premio, que ascende a 1.000 euros, foi para Manuel Albariñas, de 21 anos, de Marín, por Puro aire, peza que destaca pola súa "reflexión sobre os meses máis duros do confinamento pola COVID-19, pero que tamén supuxo unha lección e unha aprendizaxe porque deixou claro que a solución está nas nosas mans". Finalmente, o terceiro premio, de 600 euros, recalou nun grupo de alumnas e alumnos do colexio Marcote de Vigo, de 1.º de Bacharelato por Antropoceno destrucción. Neste caso o xurado valorou a participación do alumnado na elaboración da peza e o seu formato de videoclip en clave rap que conciencia sobre a contaminación e o cambio climático.

O xurado tamén realizou unha mención especial, pola temática empregada, ao traballo de Luis Villanueva, un rapaz de 23 anos, de Silleda, que fixo un audiovisual co título de Ioane. Ioane é o home de Kiriwati que a ONU declarou en 2020 o primeiro refuxiado climático e que representa a tantas persoas obrigadas a desprazarse por mor do impacto das crisis climáticas.

Os premios Reacción polo Clima entregaranse no próximo outono na Gala dos Premios Provinciais á Xuventude.