Noticias

Carmela Silva destaca o éxito de "Depo Aventura" 2019, que difundiu os principios de igualdade entre 2.200 rapazas e rapaces da provincia

"Maruxa, a curuxa" foi elixida a mascota oficial dos campamentos deste ano entre as once seleccionadas polas persoas participantes no programa


06 setembro 2019
DepoAventura

A elección da mascota de "Depo Aventura" 2019 marcou este venres o remate do programa de verán da Deputación de Pontevedra, que volveu ser un éxito de participación, cun total de 2.199 rapazas e rapaces da provincia de entre 8 e 13 anos que tomaron parte nas actividades iniciadas o 23 de xuño e que finalizarán este sábado, 7 de setembro.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou no balance que este ano, como principal novidade, a institución provincial difundiu os principios de igualdade neste programa, dentro "da forma de entender os campamentos desta institución". Así, en todas as actividades usouse linguaxe inclusiva e traballouse para dar visibilidade as mulleres dos distintos ámbitos profesionais máis asociados aos homes, como as profesións técnicas, co obxecto de poñer en valor o papel daquelas que lograron e logran fitos importantes neses ámbitos. "Hai moitas mulleres achegando moitísimo a todo o que ten que ver coa tecnoloxía e a innovación", apuntou a presidenta. "Polo tanto, hai que darlles visibilidade para que as rapazas e rapaces coñezan esas mulleres". A oferta do programa garantiu, ademais, a participación paritaria de xénero e prestouse especial atención, ademais de á linguaxe inclusiva, á realización de actividades lúdicas cun obxectivo educativo en prol da igualdade de xénero.

Por outra banda, en cada unha das quendas organizouse unha actividade de sensibilización sobre a xordocegueira coa Organización de Xordos de Galicia (XOGA) para tratar de darlle maior visibilidade á realidade que viven as persoas que a padecen e a cuestións como a lingua de signos. "As rapazas e rapaces deben aprender a asumir que hai outras formas de comunicación, e todas e todos deberemos intentar coñecelas", dixo a presidenta. "Está moi ben que falemos en inglés, chinés ou ruso, pero tamén que esteamos abertos a cambios de mentalidade que nos permitan asumir que todas as persoas que viven no noso contorno temos os mesmos dereitos e diferentes formas de comunicarnos, e que teñen que estar no sistema educativo".

Este ano presentáronse un total de 3.713 solicitudes para os campamentos, cuxas prazas se decidiron por sorteo. En cada unha das once quendas (unha por semana) participaron 200 nenas e nenos, que durmiron nas 50 tendas de campaña do Centro de Vacacións da Lanzada e contaron cun réxime de manutención completa, os materiais para as actividades, un equipo técnico especializado en animación cultural, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes. A presidenta da Deputación destacou que, ao longo de cada semana, as cativas e cativos gozaron dun programa de actividades de convivencia, náuticas, medioambientais e algunhas en lingua inglesa, co obxectivo de contribuír ao seu enriquecemento persoal e facilitarlles que coñezan outras linguas e experiencias fóra do seu contorno habitual. "Neste sentido", engadiu Carmela Silva, "os campamentos da institución provincial están orientados á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e da igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente".

Do total das prazas, a Deputación reservou 315 para que familias en situación de risco e exclusión social puidesen asistir aos campamentos de xeito gratuíto. Silva indicou que nestes participaron nenas e nenos de toda a provincia, agás dos concellos de Dozón e A Lama, que non o solicitaron. Por outra banda, a presidenta destacou o feito de que o programa contempla unha alimentación adaptada no caso de que algunha ou algún dos menores presente algunha circunstancia, así como unha atención personalizada durante 24 horas para aquelas e aqueles con diversidade funcional, co fin de atender as súas necesidades e tamén a súa inclusión no programa. "Permitimos e favorecemos que calquera nena e neno da provincia poida participar", destacou.

Mascota "Depo Aventura" 2019

O deputado provincial Carlos López Font foi o encargado de dar a coñecer, no acto de remate de "Depo Aventura" 2019, que tivo lugar no Centro de Vacacións da Lanzada, a mascota oficial destes campamentos, elixida entre as once seleccionadas polas propias persoas participantes de entre as realizadas nas distintas once quendas de "Depo Aventura". A gañadora foi "Maruxa, a curuxa", da quenda número 5, que será a imaxe dos campamentos para o vindeiro ano. No xurado participaron a deputada provincial Ana Laura Iglesias e o alcalde do Grove, José Cacabelos.