Carmela Silva destaca nas xornadas de FUNDAMAR o proxecto de igualdade entre mulleres e homes no sector pesqueiro
A presidenta da Deputación de Pontevedra destaca o "grande acordo social" que representa a Fundación para a Pesca e o Marisqueo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe, na inauguración das xornadas do quinto aniversario da Fundación para a Pesca e o Marisqueo (FUNDAMAR), o seu proxecto de igualdade entre mulleres e homes no sector pesqueiro.
Silva participou hoxe, na Cooperativa de Armadores de Vigo, na inauguración destas xornadas, coas que se quere celebrar o quinto aniversario da fundación, integrada pola propia cooperativa e os sindicatos UGT e CC. OO.
Precisamente "o acordo social" que representa FUNDAMAR polos seus obxectivos comúns para empresarios e traballadores é o que máis celebrou Carmela Silva, xa que "as administracións teriamos que reflexarnos en proxectos coma este".
A presidenta destacou o traballo que está a facer FUNDAMAR en ámbitos tan importantes para o sector pesqueiro coma a seguridade, a formación, o ámbito social, e tamén en aspectos medioambientais, "todo co obxectivo de mellorar o sector pesqueiro e o marisqueo para que siga a ser un piar da economía da nosa provincia", subliñou Silva.
Carmela Silva non perdeu a oportunidade de volver mostrar o seu apoio ao sector do cerco, xa que considera as súas reclamacións de máis cota e mellor reparto "xustas". "Dende Vigo vemos con moita sensibilidade este sector porque forma parte da nosa historia pero tamén ten que formar parte do noso futuro", concluíu a presidenta da Deputación.