Noticias

Carmela Silva destaca ao pintor José Solla coma "grande embaixador de Galicia e da nosa provincia por todo o mundo"

A exposición "Coplas de Cego", que recompila máis de 100 obras do artista pontevedrés, xa recibiu desde finais de xullo máis de 6.000 visitas


12 setembro 2018
Exposición Coplas de Cego de Jose Solla

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe a excelencia artística e persoal do pintor pontevedrés José Solla, "un xenio que ten feito exposicións por todo o mundo, converténdose nun dos nosos grandes artistas, e polo tanto, nun grande embaixador de Galicia, nun grande embaixador da nosa provincia, e por suposto, nun grande embaixador de Bueu, un lugar que leva consigo a todos os sitios onde vai".

A presidenta provincial fixo estas declaracións nunha visita á exposición "Coplas de Cego", que recompila algo máis de 100 obras do artista pontevedrés no Museo de Pontevedra desde o pasado 26 de xullo e ata o 23 de setembro. Nesta visita participaron tamén o propio artista José Solla; o deputado de Cultura, Xosé Leal; a deputada de Cohesión Social, Digna Rivas; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; e mailo comisario da mostra, Ramón Rozas.

Carmela Silva expuxo que Solla é "un home dunha creatividade desbordante, un artista total, unha persoa que ten unha capacidade de transmitir, a través da súa obra, todas as emocións que pode vivir un ser humano. Hai moitos artistas dunha enorme calidade, coma José Solla, pero esa capacidade de que te quedes enganchado a aquilo que transmiten na súa obra, soamente as e os xenios o poden conseguir". A presidenta resaltou así a calidade de José Solla como artista, pero tamén quixo facer fincapé na súa calidade como persoa, "a nivel persoal, é unha persoa encantadora, marabillosa e cultísima, desas persoas ás que é un privilexio atopalo na vida".

A presidenta destacou ademais que José Solla simboliza á perfección a gran conexión entre os dous lados do Atlántico, entre Galicia e América, "é un artista moi noso, é un home da nosa provincia, nado en Marín, pero realmente é de Bueu, e ademais tamén é un home do outro lado do Atlántico, sobre todo de Arxentina, un país ao que tanto lle debemos as galegas e galegos porque nos abriron as portas cando saímos de aquí". Cómpre lembrar que José Solla emigrou de novo a Arxentina e na actualidade reparte a súa vida entre Bueu e Mar del Plata.

Pola súa banda, o artista José Solla manifestou a súa satisfacción polo apoio que tivo por parte de todas e todos "Deputación, autoridades de Bueu e as propias veciñas e veciños. Encantado e agradecido estou e xa non podo pedir máis". O alcalde de Bueu, Félix Juncal, pola súa parte, sinalou que "é un auténtico privilexio coñecer e compartir iniciativas con José Solla, un artista que leva á perfección todos os traballos que emprende, sempre comprobando que todo está perfecto e segundo as instrucións previstas. Polo tanto, "eterno agradecemento á Deputación por participar nesta obra que une a un grande artista, á Deputación e ao Concello de Bueu".

"Coplas de cego"

"Coplas de cego" é unha exposición que compila un total de 110 pezas, entre pintura, debuxo e colaxe, e ofrece unha oportunidade única para facer un percorrido polas diferentes etapas artísticas de José Solla. Divídese en dúas grandes etapas: a primeira na que traballa a partir dun mesmo océano desde as dúas beiras e a segunda (a partir de 1978) na que se compilan pezas nas que Solla xoga coa simboloxía da arte románica. Á marxe destas dúas etapas, a exposición tamén inclúe obras dos inicios da súa traxectoria, así como pezas realizadas en materiais diferentes ao lenzo. Na cristaleira da planta baixa do Sexto Edificio do Museo tamén se inclúe un mural cos debuxos orixinais que serviron de base á grande escultura "Inés-Palmira" da praza Massó de Bueu e a mostra tamén conta cun traballo audiovisual da fotógrafa e realizadora Alba Sotelo.

"Coplas de Cego" inaugurouse no Museo de Pontevedra o pasado 26 de xullo e aínda estará aberta ata o próximo 23 de setembro. Desde a súa apertura, algo máis de 6.000 persoas pasaron visitala polo momento.

Fotos