Noticias

Carmela Silva da conta no Parlamento de Galicia do orzamento da Deputación para 2017 e denuncia "o abandono ao que a Xunta ten sometida a provincia de Pontevedra"

O orzamento consolidado da Deputación de Pontevedra para 2017 será de máis de 155 millóns de euros, un 2,2 % superior ao de 2016


20 decembro 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para dar conta do orzamento que a institución provincial aprobou para 2017, que representa un crecemento do 2,20 % con respecto a este ano. Silva aproveitou a ocasión para denunciar o abandono ao que o presidente da Xunta de Galicia ten sometida a provincia de Pontevedra e reivindicou que a Administración autonómica asuma as competencias que lle corresponden. En concreto, a presidenta da Deputación referiuse ás políticas sociais, atención de menores, cultura, emprego, promoción económica, xuventude, equipamentos e dotacións, coidados dos montes, gandería, pesca e investigación fitopatolóxica, tratamento de residuos sólidos, igualdade de xénero, loita contra as violencias machistas, infraestruturas ou deporte.

Co orzamento de 2017, que ascende a 155.444.192 €, un 2,20 % máis que o deste ano, maniféstase a vontade do goberno da Deputación de Pontevedra de continuar co modelo de xestión implantado desde a toma de posesión en 2015. En liñas xerais, trátase dun orzamento que presenta nivelados os gastos e os ingresos e que non se necesita financiar con endebedamento, co que se cumpre o requisito de déficit cero. Neste sentido, a presidenta da Deputación quixo recordar que "recibimos unha herdanza dunha débeda viva de 39 millóns de euros, que nos propuxemos reducir á metade en dous anos, o que estamos a cumprir. Gobernamos, polo tanto, mellor e con menos ataduras de cara ao futuro, dando cumprimento ao requisito da estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda".

Carmela Silva deu a coñecer, ademais, os programas clave que a Deputación de Pontevedra desenvolverá ao longo de 2017, comezando co Plan Concellos, que repartirá o vindeiro ano 41,2 millóns de euros, un 3 % máis que este ano, en función de criterios obxectivos, aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Silva recordou que este plan, "que rachou coa forma clientelar de gobernar do anterior presidente, xa veu incrementando ata o 66,67 % os recursos este ano con respecto ao 2015 e permitiu, entre outras cuestións, que os concellos puidesen contratar durante 2016 a 1.160 traballadoras e traballadores".

"As achegas e a cooperación cos concellos", segundo subliñou a presidenta da Deputación, pasou de 27,1 millóns de euros en 2015 a 49 millóns en 2017; é dicir, case 22 millóns de euros máis, que se completarán con outras iniciativas, coma a protección do medio natural, e un incremento do 89 % na dotación para a asistencia xurídica e técnica municipal". Así mesmo, manterase o plan de anticipos en libre concorrencia que, ao igual que aconteceu en 2016, non terá xuros nin comisións.

Outros investimentos que a institución provincial realizará en 2017, que continúan o iniciado en 2016, son o Plan Revitaliza e o Plan MOVESE. De feito, a Deputación de Pontevedra investirá case catro millóns de euros para o tratamento e a xestión de residuos e a subministración de composteiros, enmarcados no Plan Revitaliza, así como para a mellora dos montes e dos sistemas produtivos e agropecuarios e pesqueiros. No caso do Plan MOVESE e as infraestruturas provinciais destinaranse 16,2 millóns de euros, un 1,25 % máis que en 2016, para a mellora das vías provinciais e a seguranza viaria.

Para o novo goberno provincial o emprego e a dinamización económica da provincia é un obxectivo prioritario e, de feito, as liñas que financian actuacións de fomento do emprego medrarán en 2017 un 6,3 %. "Falamos de 13 millóns destinados a fomentar e mellorar o emprego na provincia", manifestou Carmela Silva, "aos que hai que engadir un millón máis dirixido á modernización e internacionalización das empresas e ao aumento da súa competitividade, e 500.000 € aos viveiros de Lalín e Barro-Meis".

Os axentes sociais e económicos da provincia de Pontevedra recibirán durante 2017, mediante subvencións e axudas correntes e de capital, 11 millóns de euros, case un millón máis que en 2016; e a investigación en sectores coma a gandería ou a agricultura, que se desenvolve na Finca Mouriscade e na Estación Fitopatolóxica Areeiro, medrará un 1,3 % máis. 

Outro dos grandes sectores que contribúe ao desenvolvemento económico da provincia é o turismo, ao que durante o 2017 se destinarán 4 millóns de euros, case un 11 % máis que en2016, para modernizar e impulsar esta actividade, co obxectivo de xerar emprego e crecemento económico. Ao respecto, a presidenta da Deputación de Pontevedra puxo en valor o plan básico de turismo, o plan estratéxico, elaborado conxuntamente co sector empresarial turístico, e o plan de usos dos castelos e parques da provincia.

A cohesión social e a xuventude son tamén eixes de traballo do novo goberno da institución provincial. Ao respecto, Carmela Silva indicou que se destinarán 5,5 millóns de euros, un 7,4 % máis que este ano, para impulsar os servizos sociais municipais, un 6 % máis para mellorar as instalacións e a oferta de servizos da Lanzada, e 10,9 millóns de euros para a asistencia á xuventude, incluída a xestión do Centro Príncipe Felipe. Neste contexto, a presidenta da Deputación subliñou que "a xestión deste centro de atención a menores debería ser levada a cabo pola Xunta de Galicia, que é a Administración competente , por iso agardo poder ter unha reunión o máis inmediata posible co presidente da Xunta para falar de todos os servizos que presta a institución provincial e son competencia exclusiva da Administración autonómica, que non son poucos: Príncipe Felipe, Museo de Pontevedra, Escola de Enfermería, Estación Fitopatolóxica Areeiro, Finca Mouriscade…". Tamén engadiu Silva que "cando a Administración autonómica non fai fronte ás súas obrigas sucede que as entidades locais temos que retraer recursos que deberiamos dedicar a outras accións que si son competencias locais".

En materia de promoción cultural e servizos lingüísticos, Carmela Silva adiantou que o orzamento medrará con respecto ao 2016 un 6,5 %, co investimento de 3,7 millóns de euros nesta materia, aos que hai que engadir os máis de 6 millóns de euros destinados ao Museo de Pontevedra, bibliotecas e patrimonio documental e bibliográfico. Pola súa banda, en materia de deporte o orzamento de 2017 contempla un investimento de catro millóns de euros, un 47 % máis que en 2016.

Outra das liñas estratéxicas do novo goberno da Deputación, segundo manifestou a presidenta da Deputación, é a incorporación do principio de igualdade como factor de cohesión social. Para iso, durante o 2017 o orzamento destinado a impulsar políticas en materia de igualdade medrará un 41,3 % respecto a este ano, co investimento total dun millón de euros.

A presidenta da Deputación de Pontevedra resumiu en tres eixes o orzamento da institución provincial para 2017: concellos, aos que se destinarán 44,5 millóns de euros; emprego, promoción económica e infraestruturas, aos que se achegarán 34,5 millóns de euros; e cohesión social, cultura, xuventude, deportes e igualdade, nos que se investirán 32,4 millóns de euros. En resumo, segundo manifestou Silva, "no 2017 destinaremos a estas tres grandes liñas o 85,6 % do orzamento total de gastos da Deputación de Pontevedra".

Carmela Silva rematou a súa intervención reivindicando a necesidade de impulsar a actividade económica e a creación de emprego de calidade e con dereitos, centrándose no mundo local coma o espazo onde se producen os cambios, promovendo o dinamismo nos territorios, de tal xeito que se facilite un desenvolvemento sostible. Silva tamén pediu que a Xunta de Galicia elabore plans industriais que manteñan a potencialidade da provincia de Pontevedra, un territorio cunha forte implantación de industrias punteiras, e aposte por un turismo de calidade, cunha ampla promoción e incidindo na desestacionalización. Para iso, a presidenta da Deputación incidiu na necesidade dun plan de infraestruturas que permita unha maior accesibilidade aos núcleos de poboación, a mellora das travesías autonómicas existentes, a atención específica ao Aeroporto de Peinador, a eliminación das altas peaxes da AP-9, e que a provincia de Pontevedra non quede descolgada da chegada do AVE a Galicia, e a saída sur cara Portugal. Ao respecto, Silva asegurou que "non poderemos competir en igualdade de condicións se non contamos con infraestruturas modernas que garantan o tránsito de persoas, de mercadorías e que faciliten a actividade económica dun territorio que é o motor económico da nosa comunidade".

Por outra banda, Carmela Silva tamén instou a Xunta de Galicia "para que se tome moi en serio o despoboamento do mundo rural e xere programas e impulse medidas que permitan que nestes núcleos se garantan servizos e dereitos e se promova o desenvolvemento económico e a creación de emprego".

Outra das reivindicacións da presidenta da Deputación de Pontevedra ao goberno autonómico foi a incorporación de criterios claros, obxectivos e xustos para todos os concellos. Neste eido, Carmela Silva indicou que "quero denunciar que as políticas que se están a desenvolver por parte da Administración autonómica están sendo inxustas e discriminatorias, non pode ser que se invistan recursos públicos nas estradas interiores que pasan por concellos gobernados polo PP e se abandonen as que son gobernadas por outros partidos políticos".

Tamén se detivo a presidenta da Deputación no mantemento e na modernización dos centros educativos e de saúde da provincia de Pontevedra, "que se atopan nunha situación deplorable e precisan un impulso en materia de calidade". No caso concreto da sanidade, Carmela Silva pediu "que o hospital Álvaro Cunqueiro sexa 100 % público e que se amplíe o hospital de Montecelo, así como que se habiliten os recursos necesarios para a atención dos nosos maiores, dependentes e persoas con diversidade funcional para garantir a igualdade de oportunidades".

Para rematar, a presidenta da Deputación de Pontevedra pediu que ,"de forma urxente, a Xunta de Galicia se comprometa coa promoción real das políticas de igualdade de xénero e impulse unha loita sen cuartel contra as violencias machistas, poñendo sobre a mesa recursos de todo tipo que permitan erradicar a lacra máis grave á que nos enfrontamos as mulleres, á que se enfronta máis da metade da poboación. Xa non bastan as palabras, hai que pasar aos feitos, e os feitos son recursos".