Noticias

Carmela Silva dá conta do estado dos proxectos da Deputación de Pontevedra en Vigo. "O balance confirma a nosa aposta pola cidade como nunca se fixo"

En menos de dous anos o Goberno de Carmela Silva inviste en Vigo máis de 18 millóns de euros en proxectos "que xa son realidades"


12 maio 2017
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance en Vigo do estado dos proxectos da institución provincial na cidade, froito dos convenios asinados co Concello de Vigo en 2016 e que en menos de dous anos supón un investimento de 18.286.165 euros.

Silva sinalou que "a miña satisfacción é enorme porque se trata dunha aposta como nunca fixo en Vigo a Deputación de Pontevedra, e porque, ademais, todos os proxectos son xa unha realidade. Non fixemos como outros, dixo, que sempre falan de cuestións de futuro para que se alonguen no tempo e que nunca frutifiquen".

A presidenta provincial dixo que "en moi breve prazo anunciará novos convenios co Concello de Vigo que xa están en elaboración, "e pasou revista hoxe ao estado dos proxectos máis relevantes da Deputación na cidade como a aposta pola remodelación do estadio de Balaídos "onde xa finalizamos a bancada de Tribuna e agora estase a executar a de Río". Respecto á reparación, conservación e mantemento dos campos de fútbol do municipio, informou que" xa está certificado o 50 % aínda que xa se executou unha porcentaxe superior"

No ámbito da educación, Carmela Silva salientou a finalización do acondicionamento de espazos da nova aula da UNED, que supuxo un investimento de preto dun millón de euros, e en materia medio ambiental e turística o proxecto dos sendeiros azuis do municipio "que xa está finalizado". Da aposta de Turismo Rías Baixas en Vigo, Silva lembrou o apoio da Deputación aos voos que saen desde Peinador. "Xa está adxudicado e como saben este mesmo verán poderemos voar desde Vigo a Ibiza, Mallorca e Valencia"

En materia de mobilidade e infraestruturas, Carmela Silva anunciou que o proxecto para as humanizacións da estrada provincial, O Calvario-A Garrida, Gran Vía-avenida de Madrid-rúa Emilia Pardo Bazán, xa está en fase de adxudicación, "o mesmo que as obras para a substitución do firme de estradas en varias parroquias da cidade, cun investimento doutro millón de euros"

Finalmente a presidenta da Deputación avanzou que "estamos a piques de finalizar o proxecto da sinalización vertical e horizontal da estrada que sobe á Universidade de Vigo, a EP-2005
O Meixoeiro-Cuvi, que era unha demanda histórica das viguesas e dos vigueses e que nunca se cumpriu por parte da antiga Deputación de Pontevedra". Ademais, esta próxima semana terá lugar a firma da acta de replanteo para a renovación da capa de rodaxe. "Son máis de 150.000 euros de investimento nesta estrada provincial que recibimos do anterior Goberno da Deputación nun estado deplorable", dixo a presidenta. "Agora deixará de estar abandonada e xa non será unha das vías con maior perigo da cidade"