Noticias

Carmela Silva cualifica de "grande éxito" da política turística da Deputación o recoñecemento ao programa "Tourist Inside Rías Baixas" que converte á provincia nun referente no emprego das TIC"

A presidenta destacou que "con case dous millóns de euros fomos a administración que recibiu máis recursos, o que indica que estamos facendo as cousas moi ben"


14 setembro 2018
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de anunciar a concesión de 1,9 millóns de euros por parte de Red.es á institución provincial para a posta en marcha da iniciativa "Tourist Inside Rías Baixas", no marco das axudas "Destinos turísticos intelixentes". Silva manifestou que "a aprobación desta achega para o lanzamento de Tourist Inside, contemplado no Plan estratéxico de turismo aprobado en decembro, indica que estamos facendo as cousas moi ben, xa que fomos a administración que recibiu máis recursos".

Carmela Silva amosou a súa satisfacción por ver "que con planificación e rigor obtéñense resultados". Deste xeito, Silva recordou que "antes se captaban fondos para facer Pousadas irregulares mentres que agora o facemos para xerar actuacións útiles para o sector e para o desenvolvemento dun modelo turístico innovador e sostible". Tamén engadiu que a xestión turística anterior realizábase de xeito coxuntural e en presente fronte á xestión actual en futuro.

Con "Tourist Inside Rías Baixas", tal e como detallou Silva, a Deputación de Pontevedra pretende potenciar as ferramentas dixitais existentes ademais de crear outras novas, avanzar na interoperabilidade entre os axentes do sector, recompilar e analizar información extraída de diferentes sensores para mellorar a xestión, publicar datos abertos así como promover a calidade na xestión dos destinos turísticos intelixentes.

Máis polo miúdo, a través de Tourist Inside vanse transformar dixitalmente as oficinas de Turismo Rías Baixas mediante a implantación de mesas interactivas, servizos multimedia e incluso a implantación de puntos informativos virtuais para adaptarnos ás demandas do século XXI. Tamén se van poñer en marcha servizos dirixidos ás e aos turistas con aplicación móbil e unha forte aposta polo marketing on line e optimización do portal web, así como dixitalizar o territorio a través da sinalización que nos permita establecer un control de fluxos e comportamentos das e dos turistas, protexer o patrimonio histórico e paisaxístico e garantir a sustentabilidade ambiental.

Ademais, Tourist Inside vai permitir avaliar as ferramentas dirixidas ao sector empresarial. Neste eido vaise poñer en marcha unha plataforma open data e un cadro de mando integral para explotar datos en tempo real e compartilos co sector. E, finalmente, o proxecto vai lanzar unha plataforma de interoperabilidade para que o sector poida manter viva e actualizada a información e poidamos optimizar a promoción dos diferentes produtos turísticos que xeren.

Para poñer en marcha todas estas cuestións, tal e como informou a presidenta provincial, "acabamos de licitar os traballos de asistencia técnica en xestión TIC coa fin de dispoñer dun estudo rigoroso sobre a posición do noso destino no eido virtual tanto no relativo á promoción como á comercialización". Máis polo miúdo, a través deste estudo, que realizará a Fundación CTIC (Centro Tecnológico de la Información y la Comunicación en Asturias), vanse analizar as ferramentas e contidos dixitais da provincia, así como os contidos dixitais para adaptalos a contornas de gran capacidade e as tendencias tecnolóxicas no sector; vaise desenvolver unha metodoloxía de seguimento e control de contidos dixitais do destino para o período 2018/2020; coordinar a xestión de contidos e dinamizar as redes sociais de promoción turística; establecer medidas para a mellora ou posicionamento do destino na contorna dixital e deseñar estratexias construídas en base a indicadores KPIs de marketing dixital.

A presidenta da Deputación informou ademais que "na Mesa do Turismo que terá lugar en outubro tal e como marca o regulamento darei conta detallada deste proxecto a todas as persoas integrantes e no orzamento do ano 2019 xa se reflectirán as partidas para todas estas accións que acabo de relatar". Deste xeito, a presidenta asegurou que un dos retos marcados no Plan estratéxico de turismo é a implantación dunha xestión intelixente no destino, compartida e eficiente entre os diferentes axentes con competencias turísticas no territorio, "e con este proxecto e a implicación que sempre demostra o sector estou segura de que o conseguiremos".