Noticias

Carmela Silva confírmalle á alcaldesa de Moaña que vai recibir unha maior participación económica co novo modelo do Fondo Local da Deputación

A presidenta da institución provincial e Leticia Santos acordan destinar a baixa dunha obra na rúa Ramón Cabanillas ás pistas deportivas dos colexios da Guía, Abelendo e Quintela


11 nov 2015
Maior apoio a Moaña co novo modelo do Fondo Local

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou hoxe que o Concello de Moaña vai recibir unha maior achega económica co novo Fondo Local que entrará en vigor a principios do ano próximo, unha vez aprobados os orzamentos da institución provincial. Así o informou no encontro que mantivo esta mesma mañá coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos.

Carmela Silva subliñou que o novo fondo, cuxas liñas de actuación lles foron comunicadas esta mesma semana a todos os alcaldes e alcaldesas da provincia, achegará, cuns criterios obxectivos e con equidade, maiores fondos para os concellos, "xa que se eliminan a discrecionalidade e as reservas do 20 por cento das partidas económicas para a distribución do anterior presidente", destacou a presidenta da Deputación.

Silva tamén recordou que este fondo non vai ser pechado "a pesar de ter uns requisitos e unhas bases fixas, con catro liñas prioritarias de actuación", pero terá  flexibilidade para que sexan os concellos os verdadeiros protagonistas "sen tutelas nin dirixismo doutras institucións".

Esta mesma flexibilidade foi a acordada para o Plan de Emprego de 2016, no que serán os concellos os que decidan as categorías profesionais, os períodos de traballo ou a distribución dos medios "para ser máis eficaz e eficiente", recordou Silva.  

 Ambas as mandatarias repasaron neste encontro diversos aspectos, a maiores do Fondo Local, de interese para o concello moañés, como son varias infraestruturas ou as axudas a clubs deportivos, turismo, ou os apoios a deportistas de elite.

Entre os acordos adoptados figura a petición, por parte do Concello de Moaña, de dedicar a baixa dunha obra de mellora de seguridade viaria na rúa Ramón Cabanillas, de 43.019,15 euros, á rehabilitación de varias pistas deportivas nos colexios da Guía, Abelendo e Quintela, cuxas obras poderían comezar xa a próxima semana.

Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña agradeceu a visita da presidenta da Deputación, que cualificou de moi positiva, e destacou os novos criterios das axudas da institución provincial.