Noticias

Carmela Silva confirma unha ocupación hoteleira media na provincia do 68,3 % na Semana Santa, "datos positivos tendo en conta o mal tempo"

A presidenta da Deputación destacou que "superamos a nosa estimación do 62 % ata en máis de seis puntos, e iso a pesar das inclemencias climatolóxicas"


03 abril 2018
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos resultados de ocupación hoteleira media da provincia de Pontevedra durante a Semana Santa que foi do 68,3 %. Silva valorou positivamente estes resultados que superan ata en máis de seis puntos á estimación realizada antes deste período, cando se prevía unha ocupación hoteleira do 62 %.

Carmela Silva destacou que "xa cando demos a coñecer as nosas previsións asegurábamos que existía incerteza debido ao anuncio dun tren de borrascas que ao final si tivemos e deixou choivas a maior parte dos días de vacacións. Comezamos coa cicloxénese explosiva Hugo e rematamos a semana con ata neve a 30 quilómetros de Pontevedra… E todo isto sumado a que marzo do 2018 foi o mes con máis precipitacións dos últimos dez anos, segundo as estacións meteorolóxicas da provincia". Sen embargo, "pese a estes factores negativos –destacou a presidenta provincial– ao final superamos as nosas estimacións do 62 % ata en máis de seis puntos, acadando unha ocupación final do 68,3 % nos establecementos hoteleiros da provincia de Pontevedra".

A presidenta da Deputación detallou os resultados obtidos por comarcas, asegurando que O Salnés obtivo unha ocupación do 58,13 %, con picos do 60 % en localidades como O Grove ou Sanxenxo. Pola súa banda Pontevedra, cunha ocupación do 83,5 %, "foi a comarca con mellores resultados da provincia. Incluso os propios representantes do sector sinalan que moita xente que tiña previsto acudir a outros puntos da provincia finalmente veu pasar os días ata esta comarca", destacou Carmela Silva.

O Morrazo superou ata en 15 puntos as estimacións efectuadas pola Deputación de Pontevedra, chegando ao 59 % de ocupación definitiva. No caso da comarca de Caldas practicamente se cumpriron as previsións da institución provincial, ao obter un 85 % fronte ao 87 % que se agardaba.

A comarca de Vigo obtivo unha ocupación media do 61 %, tamén moi por riba da estimación prevista que se situaba no 50 %. Pola súa banda, a comarca do Baixo Miño acadou un 65 %, as comarcas do Condado e da Paradanta chegaron ao 80 % e as de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ata o 70 %.

A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer a variación interanual na provincia de Pontevedra destacando que, "se comparamos o mes de marzo do 2018 co mesmo mes do ano anterior, este ano os datos foron moito mellores xa que a ocupación foi tres puntos superior á obtida en marzo do 2017, é dicir, un 43 % este ano fronte ao 40 % do pasado".

En canto ao turismo rural, Carmela Silva informou que acadou unha ocupación do 47,42 % na provincia de Pontevedra. "Se atendemos ao conxunto do mes de marzo –asegurou a presidenta provincial– os datos foron moito mellores que os acadados o ano pasado, con máis de 13 puntos por riba do obtido en marzo do 2017 cando se rexistrou unha ocupación nos establecementos de turismo rural do 10 % fronte ao case 24 % de marzo deste ano".

Vídeos