Noticias

Carmela Silva compromete a creación dunha mesa con COGAMI para avaliar e mellorar os programas da Deputación incorporando a participación das persoas con diversidade funcional

A Deputación de Pontevedra subvenciona o proxecto da Confederación Galega de Persoas con Diversidade Funcional para a atención á persoas con diversidade funcional en toda a provincia, especialmente no rural


26 maio 2017
COGAMI

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva,  asumiu hoxe na súa visita a sede de Confederación Galega de Persoas con Diversidade Funcional (COGAMI) en Vigo, o compromiso de crear unha mesa para avaliar as necesidades e facer un seguimento dos programas da institución provincial incorporando a visión das persoas con diversidade funcional.

Silva subliñou que quere introducir en todos os programas da Deputación, aínda que en moitos xa están garantidos, os dereitos das persoas con diversidade funcional, polo que "nos temos que reunir trimestralmente nunha mesa para facer este seguimento e contar coa colaboración de COGAMI". A presidenta cualificou o traballo de COGAMI de "admirable" e asegurou que desexa que a mesma colaboración que presta a asociación na ordenación urbanística das cidades poida ser igual para todos os proxectos que desenvolva a Deputación de Pontevedra.

Na presentación do proxecto "Atención Integral ás persoas con Diversidade Funcional da Provincia de Pontevedra de COGAMI", que conta cunha subvención da Deputación e a colaboración da entidade La Caixa, a presidenta tamén subliñou a necesidade de garantir os mesmos dereitos ás persoas con diversidade funcional en toda a provincia "porque estamos nunha sociedade onde tendemos a concentrar todos os servizos nas cidades pero esta provincia conta con moitos concellos rurais onde temos a obriga de garantir os mesmos servizos e dereitos as nosas veciñas e veciños". Ademais, "no rural estas persoas sofren unha dobre discriminación, que no caso das mulleres é incluso triple". Por elo a presidenta puxo en valor o traballo de COGAMI que alonxado dos estereotipos do paternalismo e da caridade "garante dereitos e servizos para todas e todos".

Pola súa banda, Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, destacou que con este proxecto se pretende estender os servizos e dereitos a toda a provincia para potenciar a autonomía das persoas. O programa, que contará coa participación de moitas entidades de persoas doentes e de diversidade funcional da provincia, atenderá de xeito individual as necesidades de persoas cunha dedicación especial a aquelas que residen no rural.

Para concluír, Carmela Silva, mostrou a súa admiración e orgullo polo traballo que desenvolve COGAMI para garantir os dereitos e servizos das persoas con diversidade funcional. "Necesitamos moitos COGAMIs. Xente que se xunta para defender dereitos e as administracións temos a obriga de colaborar con todas e todos vos".


Novas relacionadas