Noticias

Carmela Silva celebra o fallo do supremo sobre la manada: "esta sentenza é un antes e un despois na loita das mulleres polos nosos dereitos"

A presidenta da Deputación asegurou que "hoxe é un bo día porque as mulleres podemos crer na xustiza e que o Estado de Dereito nos protexe"


21 xuño 2019
Sentenza A Manada

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, celebrou este mediodía a decisión do Tribunal Supremo que eleva de 9 a 15 anos de prisión a condena a cada un dos integrantes de "La Manada" ao considerar que o ataque á rapaza nos Sanfermins de 2016 foi unha agresión sexual por un delito continuado de violación e non abuso sexual. Silva sinalou que "a sentenza que coñecemos hoxe supón un antes e un despois nos dereitos das mulleres e significa que hoxe as mulleres podemos crer na xustiza, que o estado de dereito nos protexe, que recoñece e fai valer os nosos dereitos"

A presidenta provincial lembrouse tamén da rapaza vítima das agresións. "Quero tamén hoxe poñerme do lado dela, que tanto tivo que padecer para que se fixera xustiza. "Quero poñerme ao lado de todas as mulleres, apuntou Silva, para dicir que cando estamos unidas, cando temos unha mensaxe de irmás, xuntas, defendéndonos e crendo en nós, sabendo que esta loita merece a pena porque é a máis liberadora da humanidade, entón obtemos a xustiza, a xustiza que nos corresponde".

Carmela Silva rematou dicindo que "hoxe é un bo día, para todas e para todos, un bo día para a sociedade, porque se fixo xustiza, a xustiza que merecemos as mulleres".

Audios

  • Audio