Noticias

Carmela Silva celebra a plantación da camelia ‘María Vinyals', a primeira "con nome de muller" do xardín do castelo de Soutomaior

Carmela Silva: "Este xardín vai darlle visibilidade ás mulleres. Para que poidamos seguir dando pasos cara á igualdade é preciso ter referentes femininos"


11 marzo 2020
Carmela Silva plantando a camelia

Coas palabras de María Vinyals reflexionando sobre a posición das mulleres hai máis de 100 anos e a canción contra a violencia de xénero A porta violeta de Rozalén, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; das deputadas provinciais Ana Laura Iglesias, Raquel Giráldez e Victoria Alonso; do autor do libro María Vinyals, a muller do porvir, Diego Piay; e da historiadora Silvia Cernadas, realizou esta mañá a plantación da camelia ‘María Vinyals' no castelo de Soutomaior, a primeira "con nome de muller" do xardín. A presidenta asegurou que coa plantación "este xardín vai darlle visibilidade ás mulleres. Para que poidamos seguir dando pasos cara á igualdade é preciso ter referentes femininos".

A presidenta provincial destacou a figura de María Vinyals, "a marquesa vermella", "unha muller que demandaba a educación, o voto e a presencia das mulleres en todos os eidos". "Estou segura de que a María Vinyals lle encantaría que as xeracións futuras, cen anos despois, seguisen a loitar polo que ela loitou cando estaba en efervescencia, a loita das mulleres sufraxistas defendendo o voto, o dereito universal máis importante, que finalmente conseguiu Clara Campoamor", enxalzou. Tamén o alcalde de Soutomaior se detivo na figura de Vinyals e aplaudiu a iniciativa da Deputación por permitir "dar a coñecer a marquesa" e "mellorar o xardín de excelencia internacional".

O novo cultivar de camelia, tal e como explicou a presidenta da Deputación, desenvolveuse na Estación Fitopatolóxica Areeiro e trátase dunha flor dobre formal que ten unhas cores cunha simboloxía "moi potente". Nela predomina a cor vermella en referencia a como foi coñecida Vinyals, "a marquesa vermella", e vira á cor lila ou lavanda cando se cultiva en chans ácidos e está totalmente aberta, unha cor relacionada, a día de hoxe, co movemento feminista do que ela foi precursora hai 100 anos. Carmela Silva tamén avanzou que a camelia ‘María Vinyals' se rexistrará oficialmente en xuño e que, posteriormente, ampliarase esta iniciativa coa "plantación doutros cultivares con nomes de mulleres, coma Rosalía de Castro ou a Bella Otero".

A camelia plantada esta mañá por Carmela Silva en Soutomaior conta cunha placa de madeira na que figura o seguinte lema: "Camellia japonica ‘María Vinyals'. Nos xardíns deste castelo que María Vinyals tanto amou medrará esta camelia que leva o seu nome. Unha flor única para a muller do porvir. Deputación de Pontevedra, 11 de marzo de 2020". Así mesmo, a placa levará un Código QR que ofrece información da ficha técnica do exemplar.

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para poñer en valor o papel desenvolvido por Diego Piay e agradecer o estudo sobre María Vinyals de Silvia Cernadas, xa que a institución provincial foi tomando decisións a partir da súa investigación sobre a figura da "marquesa vermella". "Nós escoitamos moito a sociedade, e moitos dos estudos que se fan aplicámolos nas nosas políticas", concluíu a presidenta.

Fotos