Noticias

Carmela Silva asiste en Tui á visita guiada da mostra "Mulleres en acción: violencia zero" impulsada pola Deputación

A mostra, encadrada no proxecto "Mulleres en acción: Violencia Zero", ten por obxectivo reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na problemática da violencia machista


09 may 2016
Silva visita la exposición

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asistiu hoxe á visita guiada da exposición itinerante impulsada pola Deputación  "Mulleres en acción: Violencia Zero" no concello de Tui. A exhibición recolle os resultados de acción artística contemporánea do proxecto, desenvolvido simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra A Violencia de Xénero, por artistas galegas en 10 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis).

Carmela Silva dirixiu as súas verbas as alumnas e alumnos de colexios de Tui que participaron na visita e pediulles tanto a nenas como nenos que pelexaran xuntos pola igualdade. A presidenta provincial tamén sinalou que "queremos mover á sociedade fronte á dor e erradicar a violencia machista desde a educación"

Carmen Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de darlle corpo a "Mulleres en acción: Violencia Zero", co obxectivo de fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica e, ao mesmo tempo, promover a visibilidade das novas artistas galegas, achegándose á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos da experiencia e a creación colectiva, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

Esta mostra está a percorrer os concellos nos que se desenvolveu o proxecto para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na actual problemática da violencia machista. A exposición, que xa se mostrou nos concellos de Pontevedra, Tomiño e Lalín, poderase ver en Tui a partir de hoxe; en xuño chegará a Caldas, en xullo a Redondela, en agosto a Vilagarcía de Arousa, en setembro a Cangas, en outubro a Moaña e, finalmente, en novembro no concello de Vigo.