Noticias

Carmela Silva asiste en Bueu ao inicio das obras da rehabilitación do Estaleiro de Banda do Río

A presidenta da Deputación cualificou o proxecto como "modelo para outros lugares". Para o alcalde "é un soño cumprido despois de moitos anos de espera"


04 decembro 2017
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, e ao deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, asistiu esta tarde en Bueu ao acto de presentación do esperado proxecto de rehabilitación do Estaleiro de Banda do Río, considerado Ben de Interese Cultural, e impulsado coas achegas do Plan Concellos 2016 da institución provincial.

O proxecto, cun orzamento de 304.861,85 euros, ten por principal obxectivo a conservación total deste espazo e a súa integración na contorna. Ademais, os traballos tamén inclúen a musealización das actividades e elementos que formaron parte da vida, historia e etnoloxía do Concello de Bueu xa que, neste espazo, se desenvolvían técnicas e procedementos da carpintería de ribeira, actividade cultural de especial valor e de obrigada conservación nas vilas costeiras da provincia.

Na súa intervención, Carmela Silva mostrou "a miña satisfacción porque este proxecto é un bo exemplo da boa decisión que foi poñer en marcha o Plan Concellos, que permite que sexan os gobernos locais os que decidan en que invisten os seus recursos. Cada vez está máis claro que este é o modelo". A presidenta provincial definiu a obra como "o exemplo de respecto e compromiso polo patrimonio, pola historia e polo territorio. Este proxecto, apuntou Silva, ten que servir de modelo para outros lugares. Non se trata de destruír, trátase de manter e iso é compatible coa modernidade. Esta obra quedará como unha sinal de identidade de Bueu pero tamén como un elemento de grande atractivo para ser visitado. É unha decisión intelixente do Concello porque combina os dous criterios ademais de recuperar un espazo público que lle dará un carácter identificador á zona". A presidenta da Deputación tamén valorou o traballo conxunto das administracións. "É a proba de que cando nos poñemos de acordo e traballamos xuntas os resultados son moito mellores que cando confrontamos".

Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal avanzou que as obras teñen un prazo de tres meses. "Arredor de febreiro o marzo remataremos a primeira fase dun proxecto cunha grande importancia histórica e que será un complemento ideal para o museo Massó. Despois de tantos anos de espera, por fin iniciamos os traballos e no ano 2018 este espazo estará completamente rehabilitado". Juncal engadiu que para as veciñas e veciños de Bueu "este proxecto é un soño cumprido xa que resolve unha situación pendente desde hai moitísimos anos e porá en valor unhas instalacións para que as novas xeracións saiban o que representan".

Aproveitando a súa presenza en Bueu, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, avanzou que no pleno deste mes de decembro se aprobarán xa as bases do Plan Concellos 2018 "que este ano terán a novidade de que tamén adiantarán 30 millóns da liña de Investimentos do Plan de 2019 para que os concellos que así o desexen conten con máis cartos para obras máis ambiciosas". Silva fixo un "canto" ao bo facer do mundo local. "Hai moita madurez na política local, de feito xa poderían tela noutras administracións. É a política total", apuntou.

Máis polo miúdo, as actuacións do proxecto que se van desenvolver en Banda do Río, teñen por obxectivo consolidar as estruturas, substituír os elementos da cuberta, executar o peche perimetral con vidro e madeira e as instalacións de saneamento e abastecemento, así como a instalación de iluminación e da rampla de botadura. Así, vanse desmontar os elementos deteriorados para cimentar con formigón armado e consolidar a estrutura de madeira existente. Tamén se van substituír os elementos metálicos e estabilizar e reforzar a estrutura da cuberta.

Fotos